“As Pepitas” acada o recoñecemento de Festa de Galicia de Interese Turístico
O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, valorou esta mañá a recente declaración das Pepitas como Festa de Interese Turístico de Galicia. O primeiro edil estivo acompañado pola concelleira de Turismo, María del Carmen García Fraga, e por representantes das catro rondallas da cidade: Añoranzas, Sonidos del Alba, Club de Campo e Bohemios.
Rey Varela agradeceu aos rondallistas “o traballo por manter viva a cultura e a tradición dunha festa tan singularmente ferrolá como é das Pepitas”, manifestando que a consecución do recoñecemento desta celebración como Festa de Galicia de Interese Turístico “é, sobre todo mérito voso”. Ao respecto, o rexedor sinalou que “estou seguro de que este recoñecemento se podía ter conseguido moito antes, pero o certo é que non foi até este mandato cando dende o Concello se deron os pasos para acadala”. Nesta liña, Rey Varela sinalou que de cara á vindeira edición das Pepitas se potenciará a difusión do evento, recordando que xa na última edición o festexo das Pepitas foi retransmitido para Galicia.
Ademais, o primeiro edil dixo que unha vez conseguido o recoñecemento autonómico é o momento de poñerse como mira conseguir a distinción da Noite das Pepitas como Festa de Interese Turístico Nacional. “Ferrol vén de ser elixida pola Comisión Europea sede do Congeso Europeo de Turismo Industrial e do Crossroads of Europe, dous eventos de gran repercusión internacional que serán moi positivos para a cidade pero que non nos fan esquecer dúas tradicións tan nosas como son As Pepitas e a Semana Santa, ás que tamén prestaremos toda a nosa atención porque así o merecen”, engadiu.
Por último, e no que atinxe á establecer como festivo local na cidade o día de San Xosé -19 de marzo- o alcalde avanzou que a Concellería de Festas reunirase cos hostaleiros, comerciantes e as agrupacións de rondallas para estudar esta posibilidade de cara ao futuro. Trátase de que exista un consenso previo por parte da sociedade e a unanimidade dos grupos políticos con representación na Corporación Municipal á hora de propoñer un cambio nos dous festivos locais que ten potestade para fixar a Administración local, e que a día de hoxe son Chamorro e San Xiao.











