publicidade hoxe

As obras do Centro de Saúde de Ares iniciaranse a comezos do vindeiro ano

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAresLocal
A-
A+

O alcalde de Ares, Julio Iglesias, destacou esta mañá, no marco da visita que realizou xunto coa xerente do Sergas, Nieves Domínguez, e o da Área Sanitaria de Ferrol, Ángel Facio, aos terreos anexos ao actual centro de saúde, cedidos polo Concello para a ampliación do inmoble, o feito de que a Xunta finalmente optase polo emprazamento defendido dende sempre polo equipo de goberno socialista e que, ademais, a execución se financie con fondos públicos.

Como explicou a xerente do Sergas, a finais deste mes entregarase o proxecto definitivo, unha vez revisado o básico e, en consecuencia, os traballos adxudicaranse a principios do vindeiro ano. Deste xeito, engadiu, as obras de construcción do novo centro de saúde comezarán durante o primeiro trimestre de 2014 e, dado que o prazo de execución rondará entre os 11 e 15 meses, os aresáns e aresás poderán beneficiarse das novas instalacións –que contarán cunha superficie construida duns 1.500 metros cadrados e respostarán as principais demandas da cidadanía e os facultativos- en 2015.

O orzamento de licitación, unha vez que este centro será finalmente financiado con fondos públicos, ascende a 2,4 millóns de euros.

Domínguez destacou a colaboración do Concello de Ares en todo o proceso; unha colaboración que constatou o propio rexedor, posto que, como asegurou, a ampliación do centro de saúde foi dende a súa chegada a Alcaldía, en 2007, unha das súas principais prioridades. A este respecto, Iglesias subliñou que a necesidade de dispor dun centro que prestase unha “atención digna para os tempos de hoxe” tíñase convertido nunha demanda cidadá, xa que o actual edificio, que cando se fixo hai 25 anos fora un fito para o municipio, está totalmente obsoleto en servizos e espazos para unha poboación que segue e crecer.

As xestións, como lembrou, xa comezaron ao inicio do mandato de 2007 e, de feito, os terreos foran postos a disposición do Sergas hai seis anos. Os cambios no Goberno da Xunta propiciaron unha serie de cambios e, en consecuencia, retrasos que agora semellan chegar ao seu fin co anuncio concreto de datas de inicio e remate das obras.

11 de setembro de 2013 | 13:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.