As labores de limpeza nos ríos Miñor e Zamáns contaron coa participación de 20 voluntarios
O pasado domingo celebrouse a 1ª limpeza dos ríos Miñor e Zamáns, organizada polo Concello de Gondomar e a Asociación de pescadores A Troita Rebelde.
A xornada, que deu comezo ás 9.30 hora da mañá coa concentración dos participantes na Praza de Abastos do Concello, prolongouse ata as 13:00 horas. Grazas ao desinteresado apoio de 20 voluntarios lográronse limpar 2 quilómetros de río aproximadamente, e estímase que se retiraron preto de 800 quilos de residuos entre os cales se encontraban plásticos, cristais, botellas, rodas, etc.
Aínda que parte do lixo recollido é arrastrado polo propio río, dende o Concello faise un chamamento para que os ríos do municipio non sigan sendo utilizados como vertedoiros de lixo e desfeitos.
Concello e Asociación agradecen a participación na limpeza e confirman que repetirán esta actuación nos ríos e mesmo estudarán novas fórmulas para potenciar esta.











