As familias adxudicatarias das vivendas cedidas gratuitamente por unha construtora lalinense xa viven nelas

Visita de Crespo, Pérez e Framiñán ás vivendas
O alcalde de Lalín e a concelleira de Benestar visitaron os ditos inmobles a estrear, equipados con mobiliario e cociña e amoblados a través da campaña de doazón desenvolta desde o Concello
A concelleira de Benestar e Emigración, Paz Pérez, informa que as vivendas cedidas gratuitamente pola empresa Framiñán SL que foron adxudicadas o pasado mes de xullo veñen de ser entregadas esta fin de semana.
As dúas familias beneficiarias en risco de exclusión social que resultaron adxudicatarias xa comezaron a vivir nas mesmas. O tempo de cesión dos dous inmobles é de 2 anos a contar desde o 1 de setembro de 2013. No día de onte o alcalde de Lalín, José Crespo, e a concelleira de Benestar e Emigración, Paz Pérez, visitaron o estado dos ditos inmobles que se enmarcan dentro desta iniciativa solidaria desenvolta en conxunto pola empresa Framiñán e polo Concello de Lalín.
As vivendas son a estrear e están equipadas con mobiliario de cociña. O resto dos mobles obtivéronse da campaña de doazón activada desde a Concellería na que foron recollidos colchóns, somieres, mobles de dormitorio, mesas e cadeiras. Os ditos inmobles están localizados no centro do núcleo urbano lalinense e constan de tres dormitorios, dous baños, salón-comedor e cociña.
As persoas beneficiarias terán que asumir unicamente os gastos de subministración e comunidade.
Hai que lembrar que as persoas destinatarias foron, de acordo coas bases aprobadas pola Xunta de Goberno Local, unidades familiares con necesidades especiais. Despois de baremadas as solicitudes resultaron adxudicatarias: unha familia composta por 5 membros (3 persoas adultas e 2 menores) nos que un dos seus membros ten recoñecido o grao de discapacidade e outro o grao de dependencia, e no caso da familia 2 está constituída por 3 membros (1 persoa adulta e 2 menores) e trátase dunha familia monoparental.
En total recibíronse 35 solicitudes; dos que 2 solicitantes déuselles por desistidos/as ao non presentar a documentación requirida en prazo; 17 solicitantes foron excluídos/as por non reunir os requisitos establecidos nas bases e 14 solicitudes denegadas por non alcanzar puntuación suficiente.











