As entidades de inclusión de Ourense incrementan o financiamento nun 42%
A renovada orde de inclusión da Consellería de Traballo e Benestar destinará ás entidades da provincia de Ourense un total de 570.000 euros este ano, un 42 por cento máis que o ano pasado. En total, serán 21 as organizacións beneficiarias desta convocatoria de axudas que se vén de resolver.
Así o salientou hoxe a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, durante a súa visita á sede da Cruz Vermella en Ourense, onde mantivo unha reunión cos seus responsables e visitou as súas instalacións.
A orde de inclusión ocúpase de financiar e apoiar o desenvolvemento de programas e servizos por parte das entidades que traballan con persoas en risco de exclusión. Este ano a convocatoria para toda Galicia incorporou novidades importantes e ampliou o seu orzamento en 370.000 euros, ata chegar aos 3,25 millóns de euros.
Entre as modificacións realizadas, destaca a unificación das tres ordes que existían anteriormente (de comedores e albergues; de programas de inclusión para entidades; e de programas dirixidos ás persoas inmigrantes) nunha soa. O obxectivo deste cambio é facilitar o proceso de solicitude, para que as organizacións poidan centrar os seus esforzos na atención ás persoas.
Outro cambio fundamental é a introdución do requisito que establece que as contías das axudas deberán estar vinculadas directamente coa cantidade de persoas que atende cada entidade. De feito, segundo explicou Mato, é por este criterio polo que se ditaminou un aumento da axuda en numerosas organizacións.
O reforzo desta convocatoria da axudas inscríbese na aposta do Goberno galego por traballar “por e para as persoas máis vulnerables e que máis están a sufrir a crise”. Neste esforzo, enmárcanse tamén o s 35,3 millóns de euros que se destinarán este ano á Renda de Integración Social de Galicia (RISGA), o que supón un 50 por cento máis que o orzamento inicial de 2012. Esta prestación xa chegou a preto de 8.500 persoas no primeiro semestre deste ano, un 33 por cento máis que no mesmo período do ano pasado.
Cruz Vermella
Durante a súa visita, Mato puxo en valor o diálogo e traballo conxunto do departamento autonómico que dirixe e a Cruz Vermella. En concreto, a través da convocatoria de axudas da que deu conta hoxe, esta entidade recibiu 100.000 euros, un 88 por cento máis que o que percibiu en 2012. Se se computan todas liñas de colaboración e programas postos en marcha desde a Xunta con Cruz Vermella, o financiamento xa supera en 2013 os 3,1 millóns de euros.
Neste investimento englóbase o concerto de prazas, os contratos de teleasistencia, as actividades formativas, as actuacións a prol da inclusión, ou outros programas como o de acollemento familiar ou o destinado aos sen teito. Precisamente este último, que se desenvolve desde 2002, contou con 1.800 beneficiarios o pasado ano.











