As Cándidas visitan o mercado do alimento labrego dos Tilos

As Cándidas nos Tilos
As Cándidas, personaxes saídos das Ultranoites de Chévere, estiveron o sábado pasado nos Tilos e mañá sábado 21 volverán a facer animación de rúa no entorno do mercado, na praza circular dos Tilos ás 12:30 horas. Está prevista unha nova sesión para o sábado 28.
O mercado dos Tilos funciona dende hai máis dun ano os sábados pola mañá, de 10:00 a 14:00 horas. Nel ofértase produto local e de tempada. A súa filosofía é que se poida atopar froita, verdura, leite do entorno máis próximo, que vén dunha agricultura sostible e busca tamén un consumo consciente e responsable.
Ademais dos produtos máis estacionais como son as froitas e verduras de tempada no mercado pódense mercar queixos, leite de producción ecolóxica, doces de elaboración caseira, marmeladas ecolóxicas, ovos, mel ou mesmo herbas aromáticas.
Dende este mes de setembro os primeiros sábados de cada mes tamén se coloca unha cantina e se reparten bolsas de compra reutilizables.











