As atraccións das Festas de Setembro contarán cunha nova situación

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalO Carballiño
A-
A+

O alcalde do Carballiño mantivo estes días, tras finalizar as festas patronais, unha reunión cos responsables das atraccións, co fin de buscar unha solución á demanda dos veciños do barrio do Balneario, que elevaron en varias ocasións as súas queixas por ter que soportar durante as festas todas as atraccións diante das súas casas.

A primeira conclusión tras a reunión foi que para as próximas festas patronais xa non se instalarán as atraccións nesa rúa, dando por solucionado o problema cos veciños do citado barrio. Tras esta solución buscáronse posibles situacións para os próximos anos, contando sempre cos profesionais das atraccións. Puxéronse sobre a mesa varias propostas como a zona do parque municipal, en concreto na avenida do Arenteiro, ou colocar as atraccións dispersas por varias zonas do centro da vila, como xa sucedía hai anos. Antes de tomar unha decisión definitiva o alcalde reunirase cos hoteleiros do Carballiño, para expoñerlles esas propostas e que eles tamén poidan opinar, xa que indirectamente tamén este sector se ve afectado pola colocación, ou non, das barracas nunha zona ou outra.

Por outro lado o alcalde Argimiro Marnotes felicita a comisión de festas 2013, polo éxito destas, cunha gran participación de público en todas as actividades programadas, recollendo en parte o sentir de veciños e hostaleiros que tamén deron unha gran puntuación a estas pasadas festas patronais.

20 de setembro de 2013 | 20:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.