Arrinca o programa municipal de becas en Europa para estudantes de FP
A Concellería de Educación informa de que cinco técnicos especialistas de FP das familias profesionais de Hostelería e Turismo, Comercio e Marketing e Administración e Xestión titulados en Institutos e Centros de FP da Coruña, realizarán a partir do 30 de setembro prácticas de formación en empresas de Belfast, Viena e Padua, grazas ao programa educativo Becas Europa FP-Proxecto Acore.
Os cinco participantes foron seleccionados de entre máis de trinta titulados en FP superior que presentaron as súas solicitudes para optar ás becas ofertadas desde a Concellería de Educación. Durante o proceso de selección valoráronse aspectos tales como o expediente académico, o dominio de idiomas, o informe dos titores dos centros e das empresas así como unha entrevista individual con técnicos do Servizo Municipal de Educación (SME). En definitiva, unha selección rigorosa e obxectiva destinada a garantir a estes mozos coruñeses a mellor experiencia persoal e profesional posible en empresas da Unión Europea.
No proceso de selección participou activamente o profesorado dos centros educativos de procedencia dos bolseiro, que traballaron de forma coordinada cos técnicos do SME tanto na convocatoria como no desenvolvemento do programa.
Estas 5 primeiras becas corresponden a estancias formativas de tres meses de duración e desenvolveranse entre o luns 30 de setembro e o 22 de decembro en empresas seleccionadas e que contan co aval do programa europeo Leonardo da Vinci, tales como a Rede Nacional de Museos do Reino Unido ou o Centro de Formación Superior Diplomatic Academy of Viena.
Os bolseiro seleccionados finalizaron a súa formación nun ciclo de Grado Superior pertencente ás familias profesionais de Hostelería e Turismo, Comercio e Marketing, e Administración e Xestión. En concreto, dous participantes contan coa titulación de Guía Turístico, outros dous están titulados en Comercio Internacional e outro en Secretariado.
As cinco becas distribúense nas seguintes cidades e países:
– Viena-Austria, 1 praza.
– Padua-Italia, 2 prazas.
– Belfast-Reino Unido, 2 prazas.
Os cinco participantes recibiron durante os meses de agosto e setembro un curso intensivo e especializado na súa familia profesional tanto de inglés como de italiano. Este curso, de 82 horas de duración, foi eminentemente práctico, potenciando a expresión e interacción oral no ámbito profesional onde van realizar as súas prácticas así como supuxo unha inmersión cultural nos costumes e tradicións do lugar onde van residir mentres dure a súa experiencia.
Esta primeira fase das Becas Europa FP ten un custo aproximado de 22.000 euros. Este diñeiro destínase ao pago dos desprazamentos e estancia dos participantes, así como para o financiamento dos correspondentes seguros e o curso de idiomas. Reciben tamén unha cantidade para colaborar na súa manutención.
Este proxecto está dirixido a mozos de entre 20 e 35 anos que se atopan en situación de desemprego e terá continuidade neste novo curso escolar coa convocatoria a principios do próximo ano de aproximadamente unhas 40 becas máis para Viena, Portmouth e Roma.
Neste caso, as estancias profesionais durarán seis meses e o custo do programa aproximarase aos 170.000 euros, contando cun financiamento adicional da Diputación Provincial da Coruña e do propio Concello.
Os interesados en participar na nova convocatoria das becas deberán ser técnicos superiores nos seguintes ciclos formativos:
Hostelería e Turismo
– C.S. Axencia de Viaxes e Xestión de Eventos.
– C.S. Guía, Información e Asistencia turísticos.
– C.S. Dirección de Cociña.
– C.S. Dirección de Servizos en Restauración.
Comercio e Marketing
– C.S. Comercio Internacional.
– C.S. Xestión Comercial e Marketing.
Administración e Xestión
– C.S. Administración e Finanzas.
– C.S. Secretariado.
En posteriores edicións deste programa ofertaranse becas para outras familias profesionais impartidas nos centros educativos da Coruña.
Becas Europa-FP xunto ás Becas USA forman parte do programa educativo municipal Coruña no Mundo e responde a unha necesidade de ofertar un programa de formación no estranxeiro ao alumnado da cidade titulado en FP superior, similar ao da estancia en Estados Unidos para o alumnado de Bachillerato.
Este programa está organizado polo Concello da Coruña e o Organismo Autónomo de Programas Educativos Europeos (OAPEE), pertencente ao Ministerio de Educación, e incluído dentro do proxecto europeo de movilidad Leonardo da Vinci.











