Arranca con normalidade o curso escolar nos centros educativos amienses

Escolares no inicio das clases
Un total de 2.492 nenos e nenas do concello de Ames deron comezo esta mañá a un novo curso escolar. Os catro colexios do concello, a EEI do Milladoiro e as escolas unitarias abriron as súas portas con total normalidade. O alcalde de Ames, Santiago Amor, e o concelleiro de Educación, Bernardo Moar, desprazáronse ata o CEP de Ventín para coñecer de primeira man como se iniciaba o curso neste centro educativo no que se están levando a cabo obras de ampliación, que continuarán fóra do horario lectivo. Seguidamente, o concelleiro visitou o resto de centros educativos amienses. Ademais, esta mañá tamén comezou a funcionar a Rede Municipal de Comedores Escolares, na que hai 1.072 alumnos e alumnas matriculados.
Os rapaces e rapazas chegaron con ilusión e nervios ás portas dos colexios. Numerosos pais e nais acudiron cos seus fillos e fillas aos colexios para guialos no seu primeiro día de curso e, para moitos e moitas, no seu inicio na escola. Para garantir a seguridade de todos e todas as amienses, a Policía Local estableceu un dispositivo especial que funcionou correctamente, evitando a aglomeración de vehículos diante dos centros de ensino.
O alcalde de Ames e o concelleiro de Educación comprobaron de primeira man que todo funcionaba con normalidade no CEP de Ventín, no que se están acometendo obras de ampliación. Alí estiveron co director do centro, Alfredo Rodríguez, mentres que os rapaces e rapazas se organizaban en grupos e se despedían dos pais e nais para acceder ao centro educativo. Sen ningún tipo de incidente, a xornada de hoxe transcorreu con normalidade.
Número de alumnos/as por centros
No CEP de Ventín os nenos e nenas reuníronse no patio do centro escolar, onde os profesores e profesoras os distribuíron en grupos en función dos cursos escolares. En total, o centro educativo conta con 493 matriculados para o curso escolar 2013-2014.
As aulas do CEIP A Maía acolleron esta mañá a 629 alumnos e alumnas que comezaron o curso. Á mesma hora, en Barouta eran 213 nenos e nenas os que daban inicio ás clases. No CEIP de Agro do Muíño matriculáronse un total de 439 alumnos e alumnas.
Por outra banda, a EEI do Milladoiro comezou o curso cun total de 300 alumnos e alumnas. O curso tamén deu comezo nas escolas unitarias. A de Covas recibiu a 14 nenos e nenas, a de Tarroeira acolleu na mañá de hoxe a 18 cativos/as, e tamén 9 nenos/as comezaron hoxe o curso na escola de Guimaráns. Por último, na escola de San Lourenzo, na parroquia de Agrón, hai 10 alumnos e alumnas matriculados. A estes alumnos/as súmanse os 367 que comezaron o curso no colexio Alca.











