Ares convocará unha nova edición do obradoiro de memoria
O Concello de Ares, a través da área de Servizos Sociais e en colaboración coa Deputación da Coruña, convoca un ano máis un Obradoiro de Memoria, que se desenvolverá –como vén sendo habitual- entre os meses de outubro e xuño. Esta iniciativa vai dirixida a persoas maiores de 55 anos empadroadas no municipio, que poderán inscribirse ata o 21 deste mes.
As persoas interesadas en tomar parte no obradoiro deberán apuntarse no Consistorio, nomeadamente no departamento de Servizos Sociais, no seu horario de atención ao público. As prazas concederanse por rigurosa orde de inscripción, ata chegar ás trinta ofertadas nesta edición.
As clases impartiranse os martes, dende mediados do mes de outubro, na Alianza Aresana. Un psicólogo será o encargado de dirixir os dous grupos que se formen.