Apróbase por unanimidade a ordenanza que regulará as sacas de madeira en San Sadurniño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalSan Sadurniño
A-
A+

San Sadurniño celebrou pleno ordinario este primeiro sábado de setembro. A sesión comezou pouco despois das 11 da mañá, media hora antes do que é habitual por mor dunha voda civil prevista para as 13 horas. O asunto central foi a aprobación inicial da ordenanza que regulará as operacións de saca e depósito de madeira en todo o termo municipal. O Concello creará con ela un rexistro no que deberán inscribirse as empresas forestais que operen no territorio que, ademais, terán que comunicar previamente onde van cortar e que cantidades teñen previsto extraer. En base a estes datos establecerase unha fianza para garantir que as operacións de corta e saca de madeira non estragan os bens públicos, como son as pistas ou as cunetas. Os tres grupos municipais votaron favorablemente o documento logo de debateren cuestións como se a ordenanza vai repercutir ou non no prezo da madeira ou do xeito en que o Concello vai controlar o seu cumprimento.

Os tres primeiros puntos da orde do día foron pouco menos que simples trámites. Aprobouse por unanimidade a acta da sesión anterior e déuselle conta á corporación dos acordos e resolucións da alcaldía tomados desde a última sesión. Entre eles a adquisición por 1.200 euros dun furgón de segunda man para o servizo de obras, a adxudicación a EQUIFER do equipamento interior do pazo ou a recuperación por parte da alcaldía da delegación de deportes, que ata agora ostentaba Xesús Soto quen, porén, continúa mantendo as de Facenda e Rexime interior. Ademais, a corporación tamén lle deu o visto e prace á creación dun ficheiro novo referido ás cerimonias de acollemento civil en cumprimento da Lei Orgánica de Protección de datos de carácter persoal.

O cuarto punto, o da ordenanza, foi o que centrou a maior parte do debate. O BNG explicou que a ordenanza que regulará a actividade extractiva de madeira é froito da negociación con todos os concellos da volta para posuír unha normativa unificada en todos eles, habida conta dos danos que se producen en pistas e outros bens públicos. 

O grupo de goberno explicou que xa hai tres anos se chegou a un acordo de boas prácticas co sector que, sen embargo, non se cumpriu nalgúns casos. Razón esta que motivou a redacción dunha normativa específica que crea un rexistro de empresas forestais que deberán comunicar previamente as cortas que vaian facer, onde van facelas e o volume estimado que se vai mover. En virtude desta declaración previa tamén terán que depositar unha fianza que varía dependendo dos metros cúbicos que estea previsto cortar. A fianza volveráselle ás empresas forestais tan pronto como o Concello comprobe que non se produciron danos en bens públicos ou, se se produciron, que xa foron subsanados pola propia empresa.

PP e PSOE cualificaron a ordenanza como “necesaria” e mostraron o seu apoio ao documento. Pero antes puxeron enriba da mesa varias cuestións. Os dous grupos da oposición interesáronse por como vai controlar o Concello o cumprimento da norma e, especialmente, de que maneira se vai avaliar o estado das vías públicas antes e despois dos traballos de extracción forestal. Ademais, o voceiro do PP sinalou que o texto pode ser unha carga para as pequenas empresas, mentres que o PSOE expresou o seu temor porque a ordenanza poida repercutir á baixa no prezo que as empresas lle vaian pagar pola madeira aos propietarios dos montes. 

Fernando Márquez puntualizou tamén que antes de aplicar a ordenanza o Concello debería intervir nas pistas municipais para deixalas en bo estado e poder esixir responsabilidades posteriormente no caso de que as empresas madeireiras as volvan estragar. Sobre estes asuntos o equipo de goberno aclarou que a ordenanza esixe a volta dos camiños e cunetas “ao seu estado orixinal”, co que non se trataría de que unha empresa teña que asumir a reparación dun ben público que xa estaba en mal estado, senón de garantir que o volve deixar igual que antes de empezar os traballos.

Ao respecto da incidencia sobre o prezo, o alcalde precisou que a ordenanza non crea unha taxa ou gravame sobre a extracción da madeira e que, polo tanto, as empresas forestais non poden repercutirlle ningún sobrecuste de explotación aos produtores. Ademais, o equipo de goberno lembrou que aquelas cortas inferiores a 20 metros cúbicos quedan fóra do ámbito da ordenanza por entender que se fan para uso doméstico e non comercial. 

Sobre a efectividade da norma e as medidas de control do seu cumprimento, tanto o voceiro do grupo de goberno como o alcalde insistiron en que será persoal municipal quen certifique o estado dos bens públicos antes e despois dos labores de extracción, independentemente de que San Sadurniño e outros concellos da contorna lle solicitasen á Consellaría do Medio Rural a súa colaboración nas tarefas de vixilancia por medio de axentes forestais.

BNG, PP e PSOE votaron a favor dunha ordenanza que comeza o seu trámite de exposición pública e que entrará en vigor automaticamente -sempre que non se presenten alegacións- un mes despois da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia.

Outros asuntos

O quinto punto da orde do día -tamén aprobado por unanimidade- deixou marcados os festivos locais para o ano que vén, que serán o martes de entroido -4 de marzo- e Santa Isabel o mércores 2 de xullo.

Non houbo rogos pero si unha moción e varias preguntas. A moción introduciuna pola vía da urxencia o grupo municipal do BNG co voto favorable do PSOE e referida á intención da Consellaría de Educación de reagrupar nunha única clase os 26 nenos e nenas de 5 anos de educación infantil. O texto da moción reclama que se desdobre o curso en dúas clases -comoo ano pasado en que había o mesmo número de alumnos- e insta á Xunta a que envíe un/ha docente a maiores. A moción tamén expresa a solidariedade do Concello con esta demanda da ANPA e do profesorado do CPI. Os tres grupos votaron a favor.

Xa para rematar o PP preguntou ao respecto dun escrito presentado por rexistro que, tal e como sinalou o alcalde, xa foi respostado e enviado ao voceiro popular. Plácido López tamén se interesou polo estado da pista da Vidueda, reparada recentemente no tramo máis próximo a San Sadurniño e tamén -xa en Naraío- no tramo que vai desde a Penamoura até o Chao. 

O PSOE preguntou polo caso dun veciño de Naraío que lle solicitou ao Concello o importe de reparación dunha roda que, segundo asegura, quedou danada nun bache na zona de Campolabrado. Tanto o goberno como o secretario municipal sinalaron que o Concello non pode pagar o arranxo debido a que non existe atestado nin proba que acredite unha relación causa-efecto entre o bache e os danos que, segundo asegura o solicitante, se produciron no seu vehículo. Fernando Márquez volveu preguntar tamén pola data en que estará dispoñible a documentación referida ao PXOM. O alcalde respostou que, segundo lle indicou a empresa redactora, a documentación estaría dispoñible ao longo deste mes de setembro.

7 de setembro de 2013 | 15:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.