Aprobados os prezos das actividades de pago dos centros culturais

PUBLICADO EN: Noticias de Galicia ► Local ► Santiago de Compostela ▼
A-
A+

A Xunta de Goberno Local, na súa sesión ordinaria, aprobou a memoria de actividades dos centros socioculturais para os vindeiros meses, así como a achega que permitirá seguir financiando as actividades da UMAD. Ademais, deu o visto bo a catro subvencións directas. En canto á programación de actividades dos centros socioculturais para este trimestre, segundo explicou a voceira da Xunta de Goberno, María Pardo, fíxase un gasto de 74.800 euros, que permitirá a organización de actividades de formación, clubs de lectura, ximnasia, exposicións, etc. Fíxanse prezos de entre 6 e 19 euros e entre 20 e 42 euros para unha serie de actividades de pago, segundo a duración das mesmas. Estímanse uns ingresos por este concepto de 58.227 euros.

Convenios

Por outra parte e en virtude dos seus respectivos convenios, aprobáronse catro subvencións directas: Museo do Pobo Galego, 9.180 euros; Real Sociedade Económica de Amigos do País, 5.400 euros; Ateneo Santiago, 2.500 euros; e Federación de Libreiros de Galicia, 3.825 euros.

Financiamento da UMAD

Ademais, a Xunta de Goberno tamén deu o visto bo á adhesión do Concello ao convenio entre SERGAS, Xunta de Galicia e FEGAMP para programas de atención e protección da saúde. En virtude deste acordo, o Concello recibirá 532.532 euros destinados ao financiamento da Unidade Municipal de Atención a Drogodependentes (UMAD).

Xestión de multas

Finalmente, aprobouse o inicio do expediente de contratación do servizo de xestión de expedientes sancionadores en materia de tráfico, cun tipo máximo de licitación de 72.599 euros (IVE incluído).

12 de setembro de 2013 | 18:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.