Aprobados os investimentos en actividades culturais e sociais por 140.000 euros
A Deputación da Coruña aprobou no pleno celebrado esta mañá unha serie de convenios de colaboración con diferentes entidades con fins sociais e culturais por valor de 138.000 euros.
O primeiro destes convenios será asinado coa Asociación para a Loita contra as Enfermidades do Ril (ALCER) e terá coma obxecto o financiamento do programa BULE de exercicio físico e psicosocial para persoas con enfermidades crónicas e familiares.
Este acordo suporá unha achega provincial de 15.000 euros, cos que a institución asumirá o 80% do orzamento total para este programa.
Tamén se deu luz verde a un acordo coa Asociación de Escritores en Lingua Galega para financiar o Programa de actividades culturais no ano 2013. Neste caso, a axuda prestada pola Deputación será de 24.000 euros, o 80% da cantidade necesaria para pór en marcha estas accións e iniciativas.
Outra das axudas acordadas foi a colaboración coa Asociación dos Amigos da Ópera correspondente a financiar actividades de promoción da ópera no ano 2013: LXI Festival de Ópera da Coruña.Neste caso, a axuda provincial ascende a 52.000 euros, cos que se cobren un 10,8% dos gastos previstos para este festival.
A Asociación Academia Galega do Audiovisual tamén veu aprobada a achega provincial para o apoio aos Premios Mestre Mateo, xa que o pleno respaldou por unanimidade un convenio por valor de 15.000 euros, cos que a Deputación da Coruña asume o 12,3% dos gastos derivados da celebración destes galardóns do cine, a televisión e a radio de Galicia.
O XXVII Concurso Internacional de piano “Cidade de Ferrol” tamén contará co apoio provincial despois de que a corporación dese luz verde a un convenio co Concello de Ferrol para achegar 17.000 euros a este certame. A organización do evento poderá cubrir con esta axuda máis do 25% dos gastos totais desta celebración.
Por último, a sesión tamén serviu para aprobar a colaboración coa Federación Galega de Fútbol para financiar o 2º Congreso Internacional de Fútbol, organizado polo Comité Galego de Adestradores de Fútbol. A Deputación achegará 15.000 euros para apoiar este proxecto.
Novos deputados
A sesión plenaria comezou coa toma de posesión de dous novos deputados do Partido Popular. Trátase do alcalde de Coristanco, Antonio Pensado, que releva ao concelleiro de Cabana de Bergantiños, Perfecto Vázquez, coma representante do Partido Xudicial de Carballo; e de Manuel Costa, primeiro tenente alcalde de Vedra, que ocupará o asento deixado polo alcalde de Tordoia, Antonio Pereiro, tras abandonar a acta de deputado provincial no último pleno.
Plan estratéxico 2013-2015: Orientar a Deputación aos concellos
O pleno de hoxe serviu tamén para a aprobación definitiva da primeira fase do Plan Estratéxico 2013-2015. Este proxecto ten coma obxectivo a renovación e actualización da Deputación co fin de orientar a súa actividade a prestar mellores servizos aos concellos.
A institución provincial adopta un novo modelo de xestión e cultura organizativa, máis flexible, máis áxil e máis eficiente no cumprimento das súas funcións. Ademais, evitaranse duplicidades e acadarase unha maior celeridade nos servizos que se prestan.
Segundo explicou o presidente durante a sesión, este plan non obtivo ningún voto en contra dos representantes sindicais e está pensado para modificar unha estrutura que gañará en axilidade e proximidade aos cidadáns e aos concellos.
Continua redución da débeda
Finalmente, coa aprobación do informe sobre o estado de execución orzamentario, os deputados souberon que, ao final de ano, a débeda de institución provincial será de 41 millóns de euros, o que supón o 25% dos recursos líquidos dispoñibles e que está moi lonxe do 110% que permite a lei.
Deste xeito, segundo explicou o portavoz do grupo de goberno, Manuel Ruiz Rivas, “mantemos a tendencia de reducir débeda que iniciamos en canto chegamos a esta Deputación, cando a débeda era de máis do dobre que agora”.











