publicidade hoxe

Aprobada a delimitación do núcleo das Lamas, en Becerreá

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBecerreáLocal
A-
A+

A Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo da Xunta de Galicia emitiu hoxe unha resolución pola que aproba definitivamente o proxecto de delimitación do solo do núcleo rural das Lamas, no Concello de Becerreá, resolución que lle foi notificada ao alcalde esta mañá.

A delimitación do núcleo rural das Lamas afecta a un ámbito duns 51.600 m2 de superficie, a carón da estrada autonómica LU-636 (Becerreá-Sarria) e próximo ao solo urbano do núcleo cabeceiro do concello. Nas normas subsidiarias de planeamento municipal (NSP) vixentes dende o ano 1995, ditos terreos atópanse clasificados, a partes iguais, como solo non urbanizable de protección paisaxística e de protección agropecuaria.

Non obstante, a información contida no estudo do medio rural argumenta a falla de valores naturais, ambientais e paisaxísticos prevalentes sobre o recoñecemento fáctico do asentamento existente, que está constituído por edificacións construídas nos últimos 30 anos. A delimitación fixa as condicións de uso e de edificación nos terreos delimitados e define o trazado viario coas correspondentes aliñacións, ordenando deste xeito o conxunto de edificacións e aportando un respaldo legal.

Tramitación

O Concello de Becerreá decidiu retomar en marzo deste ano a delimitación, como solo de núcleo rural común, do asentamento de poboación das Lamas, seguindo así a recomendación formulada pola Xunta de Galicia case dous anos antes.

Cabe lembrar que en xuño de 2011 a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitira un informe advertindo que a delimitación de núcleo era o procedemento máis rápido e axeitado para solucionar a regularización das edificacións no lugar das Lamas, unha delas afectada por una orde de reposición da legalidade dende o ano 2001.

A inacción do concello, que non avanzou nos trámites, implicou que a Axencia de Protección da Legalidade Urbanística, en cumprimento da legalidade vixente e ao amparo dunha resolución xudicial, dispuxera en xaneiro de 2013 o inicio das labores de demolición.

A situación xerada provocou que o concello iniciara os trámites para a delimitación do núcleo, o que foi ratificado nun acordo plenario o 14 de marzo de 2013. Un mes e medio despois, a alcaldía asinou o decreto de aprobación inicial do expediente de delimitación.

Tras os correspondentes informes favorables e o período de exposición pública, que non obtivo ningunha alegación, o pleno adoptou o acordo de aprobación provisional o pasado 23 de xullo. Polo tanto, o concello realizou en catro meses todos os trámites para remitir o expediente á Xunta de Galicia, que hoxe emitiu a orde de aprobación definitiva. Todo o proceso de tramitación completouse en seis meses.

Antecedentes

Con esta delimitación de núcleo lógrase, entre outras cuestións, regularizar a situación dunha vivenda situada neste ámbito e sobre a que pesaba unha orde de derribo da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística.

A vivenda foi declarada ilegalizable en xuño de 2001, por estar executada en solo rústico non urbanizable de protección paisaxística, é dicir, por ser incompatible co ordenamento urbanístico vixente e, por ese motivo, se ordenou a súa demolición. Desde xuño de 2002, fóronlle impostas 8 multas coercitivas, motivo polo que se acordou a execución forzosa de dita demolición.

Finalmente, a delimitación aprobada hoxe aporta respaldo legal ao núcleo das Lamas e evitará finalmente que a edificación se teña que demoler.

25 de setembro de 2013 | 12:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.