Apoio aos proxectos de mellora do polígono de A Reigosa e a potenciación do comercio local en Ponte Caldelas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalLocal PortadaPonte CaldelasPontevedra
A-
A+

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, anunciou en Ponte Caldelas a concesión de dúas subvencións destinadas a mellorar o polígono de A Reigosa e a potenciar o comercio local deste municipio. No acto estivo acompañado polo xefe territorial de Economía e Industria, Ignacio Rial, e polo alcalde de Ponte Caldelas, Perfecto Rodríguez.

En relación á potenciación do comercio local deste municipio, Cores Tourís insistiu no interese da Consellería de Economía e Industria de traballar en pro da revitalización do comercio de proximidade e da creación dunha rede galega de mercados de abastos excelentes.
“Seguindo esta liña de actuación, a Consellería concedeu unha subvención a Ponte Caldelas encamiñada a humanizar a zona comercial da avenida de Vigo e do seu entorno, para favorecer a eliminación de barreiras e a circulación dos potenciais consumidores, fomentando así as compras no comercio local”, explicou Cores Tourís. O proxecto presentado polo municipio rolda os 94.000 euros, dos cales, o 75% (algo máis de 70.000 euros) será aportado pola administración autonómica.

Entre as melloras que suporá este investimento se atopa o acondicionamento das beirarrúas xa existentes, cambiando as louxas en mal estado na avenida de Vigo e nas rúas Rosalia de Castro e Concepción Arenal e a construción de dous pasos sobreelevados de peóns e o asfaltado e pintado das rúas. Tamén se creará unha praza de aparcadoiro para discapacitados e mellorarase a eficiencia enerxética cun criterio que permita atraer aos consumidores ata esta zona comercial.

“Mellorar esta zona é moi importante, xa que se trata dun entorno de grande pulo comercial. Non podemos esquecer que conta con mais de 25 locais e establecementos comerciais”, explicou pola súa banda o alcalde da localidade.

Pola súa banda, o delegado territorial destacou que “a adecuación e mellora dos equipamentos públicos comerciais municipais constitúen un elemento clave para o desenvolvemento do comercio. Para estes efectos, as actua¬cións desenvolvidas polos concellos no ámbito comercial resultan imprescindibles. É preciso, polo tanto, acondicionar estes espazos ás necesidades, tanto dos comerciantes como dos consumidores”, apontou.

Esta orde de axudas destinará 4,5 millóns de euros a toda Galicia, dos que 1,5 millóns corresponderán a provincia de Pontevedra, “o que significa o 32,5% do total”, destacou o delegado territorial.

Melloras A Reigosa

En relación as melloras no polígono empresarial deste municipio, Cores Tourís asegurou que o investimento destinado a proxectos para a habilitación e melloras de parques empresarias da provincia supera o 1,2 milóns de euros (4,3 millóns para toda a comunidade autónoma) dos que 837.000 euros serán aportados en concepto de axuda pola Xunta de Galicia, “é dicir, o 80% do total”, explicou Cores Tourís.

En concreto, no caso do polígono de A Reigosa, destinaranse 49.000 euros (39.000 dos cales serán aportados pola Consellería de Economía e Industria) á instalación de sistemas de seguridade e vixiancia, en concreto, 15 cámaras, gravador dixital de imaxes e monitor.

Cores Tourís recordou que esta nova orde da Xunta de Galicia establecía as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas encamiñadas á habilitación e mellora de infraestruturas dos parques empresariais da Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder).

Segundo argumentou o delegado territorial os parques empresariais e as infraestruturas de solo empresarial creadas hai anos e cun alto nivel de ocupación de empresas, van tendo, como consecuencia do tempo transcorrido, determinadas carencias de infraestruturas e novas necesidades en materia de comunicación, enerxéticas ou de adecuación ás exixencias de normas posteriores á súa creación e de servizos comúns de carácter xeral que lles permitan unha actualización permanente fronte aos seus competidores.

En relación A Reigosa, destacou o delegado territorial a existencia de 49 parcelas, das que 23 xa se atopan vendidas. “Delas, 13 contan xa con nave construída e funcionan a pleno rendemento”, rematou Cores Tourís.

20 de setembro de 2013 | 17:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.