Apertura do prazo para solicitar as axudas para a adquisición de material escolar

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalOrdes
A-
A+

O Concello de Ordes vén de facer públicas as axudas por un total de 10.000 euros para a adquisición de libros e material didáctico complementario para o curso 2013-14. Unha notificación que se fixo pública no BOP núm. 183, do día  25 de setembro de 2013, e cuxo prazo de solicitude permanecerá aberto ata o próximo 31 de outubro.

Para poder optar a estas axudas son imprescindibles, entre outros requisitos, que os membros da unidade de convivencia residan en Ordes polo menos con dous anos de antigüidade; estar matriculado nun centro escolar de infantil ou primaria situado no termo municipal; non estar repetindo curso; que a suma das bases impoñibles do IRPF dos membros da unidade de convivencia non exceda dos 7.000 euros; que a suma dos valores catastrais das fincas urbanas non exceda os 35.000 euros (excluída a vivenda habitual), que no caso das fincas rústicas será de 13.000 euros; non ser debedor da Facenda municipal, autonómica ou estatal ou da Seguridade Social; non ter pendente de xustificación ningunha subvención do Concello de Ordes; e tamén se terán en conta outros factores como a orfandade, idade, desemprego ou incapacidade recoñecida do cabeza de familia, ou pertencer a familia numerosa.

As solicitudes deberán presentarse no Rexistro Xeral do Concello de Ordes ou por calquera dos medios aos que se refire o artigo 38.4 da Lei 30/1992 do 26 de novembro de réxime xurídico das administracións públicas e procedemento administrativo común, e irán dirixidas ao alcalde presidente do Concello de Ordes.  O modelo de solicitude será entregado nas mesmas dependencias e nel especificaranse os datos persoais do estudante, os estudos a realizar e o centro de ensino onde se cursan.

26 de setembro de 2013 | 18:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.