Apertura do prazo de inscrición nas Aulas de Igualdade de Ourense

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

As Aulas de Igualdade do Concello de Ourense, cuxo prazo de inscrición está aberto dende hoxe, luns 30 de setembro,  propoñen para o curso 2013-2014 un programa que consta de 5 aulas independentes, cunha duración de 30h cada unha e polas que se outorgará certificado de asistencia.

A concelleira de Igualdade, Marga Martín, expuxo o programa completo esta mañá no Salón de Plenos, lembrando que as Aulas son “un espazo formativo aberto no que poder compartir ideas e inquedanzas de xeito lúdico  e vivencial, a través de actividades grupais, na que o asistente é o protagonista, promovendo relacións equitativas de xénero respectuosas coa diversidade”.

O obxectivo das Aulas é previr a violencia de xénero promovendo relacións igualitarias entre mulleres e homes e avaliar os retos sociais que quedan por diante.

Os cursos que se ofertan nas “Aulas” son os seguintes:

-“Do teatro da vida” do 7 de outubro ao 18 de novembro, luns e mércores de 17.30h a 20.00h. Inclúe dous obradoiros “Espellos de xénero” e “Psicodrama da vida cotiá”

-“Fotografía en igualdade” do 12 de novembro  ao 19 de decembro, martes e xoves de 17.30h a 20.00h, que inclúe os obradoiros “Laboratorio fotográfico: Unha práctica de empoderamento” e “Visión e enfoques de xénero a través da fotografía”

-“Herbas medicinais” do 7 de xaneiro ao 13 de febreiro, os martes e xoves de 17.30h a 20.00h, cos obradoiros “As herbas medicinais para o coidado do corpo” e “Manual de primeiros coidados: corpo, seducción, amor e igualdade”

-“Masaxe, relaxación e sexualidade”, do 20 de xaneiro ao 26 de febreiro, os luns e mércores de 17.30h a 20.00h, e inclúe os obradoiros “Séntete, goza e reláxate” e “Sexualidade e efectividade. Un camiño por percorrer”.

-“Obradoiro de movemento”, do 25 de febreiro ao 8 de abril, os martes e xoves de 17.00h a 19.30h, “Corpos en movemento: danza e comunícate” e “Sendas. Trazando proxectos de vida”

As “Aulas” posúen unha natureza independente e intégranse en dous bloques temáticos a desenvolver en varios obradoiros. Un bloque traballará, de xeito máis práctico, o relacionado co corpo e o autocoidade e o outro céntrase no enfoque psicoafectivo e emocional, tentando suscitar unha reflexión sobre como a través das experiencias cotiás podemos incorporar actitudes, hábitos e condutas favorecedoras da autoestima e o benestar e, polo tanto preventivas do uso da violencia no patrón de relacións entre mulleres e homes.

Todas aquelas persoas interesadas en participar nalgunha das 5 aulas propostas pola Concellería poden solicitar información e formalizala súa inscrición na Concellería de Igualdade, na rúa do ensino 24, cun correo electrónico ao aderezo concelleriamuller@ourense.es ou no teléfono 988 393 191

30 de setembro de 2013 | 16:11 • Sen comentarios

Comentarios pechados.