Amplíase ao 15 de outubro o prazo para solicitar as axudas de adquisición de material escolar
O Concello decidiu ampliar ata 0 15 de outubro o prazo para que as familias poidan solicitar as axudas municipais para a compra de material escolar de Educación Infantil. A medida pretende facilitar aos interesados a tramitación das peticións para o cal o Concello dispón dunha partida de 7.000 euros a repartir entre as familias con menos recursos.
As axudas municipais están dirixidas ao primeiro e segundo ciclo de Infantil de alumnado residente no municipio e matriculado en centros de Vilagarcía sostidos con fondos públicos, así como en escolas infantís autorizadas. O Concello creou esta liña de axudas para cubrir o baleiro existente no Ensino Infantil (de 0 a 6 anos), para o cal non se concedían subvencións a través de ningunha outra administración, como ocorre coas demais etapas da Educación Obrigatoria.
A partida disposta este ano polo Concello para financiar estas axudas ascende a 7.000 euros, dos que 3.000 as aporta o departamento de Servizos Sociais e 4.000 a Concellería de Educación. As subvencións serán dun máximo de 50 euros por alumnos e concederanse en función da situación socio económico da unidade familiar co obxectivo de que cheguen a quen máis as precisa.
As familias interesadas en solicitar estas axudas deben cubrir o formulario que poden obter nos departamentos de Educación ou Servizos Sociais do Concello, así como no servizos de Información Municipal ou a través de internet, imprimindo o documento pendurado no taboleiro de anuncios desta web, onde tamén se poden consultar as bases que rexen a convocatoria. As bases e formularios tamén foron remitidos aos colexios. Unha vez cubertos os impresos, estes deberán presentarse dentro do prazo establecido e xunto coa documentación indicada nas bases no rexistro xeral do Concello de luns a venres











