AMICO retoma a súa actividade social tralo parón estival

PUBLICADO EN: Noticias de Galicia ► Local ► Santiago de Compostela ▼
A-
A+

A Asociación de Persoas con Discapacidade de Santiago e comarca (AMICO) quere reactivar novamente as actividades que desenvolve para favorecer ás case preto de cen persoas asociadas que ten en Compostela.

Un dos programas que conta con máis seguidores está relacionado coa rehabilitación terapéutica, que pretende mellorar o estado de saúde das persoas con discapacidade. AMICO desenvolve dende hai tres anos sesións de fisioterapia que subvenciona a Deputación de A Coruña. Neste primeiro semestre do ano xa foron 26 as persoas que se beneficiaron destas sesións.

Outras actividades rehabilitadoras que vai iniciar a entidade son acuáticas e desenvólvense na piscina de Awasan de Roxos. Durante os venres, en grupo dun máximo de dez persoas, realizan exercicios de ximnasia na auga que serven para mellorar a mobilidade das persoas.

AMICO desenvolve este programa co obxectivo de atender as demandas das persoas con discapacidade co fin de manter e/ou mellorar as súas capacidades funcionais, mobilidade persoal e interacción social a través de exercicios terapéuticos adaptados que incidan na mellora da calidade de vida das persoas participantes.

AMICO aposta por incrementar a participación das persoas con discapacidade en todos os ámbitos da vida así como a autonomía e defensa dos seus dereitos, a través das actividades que organiza ou a colaboración con outras entidades afíns. Actualmente ten 98 persoas asociadas residentes en Santiago, Teo, Ames e outros concellos da comarca.

5 de setembro de 2013 | 17:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.