Ames reordena o tráfico no entorno do IES para mellorar a seguridade viaria
O Concello de Ames está acometendo a reordenación do tráfico no entorno do IES de Ames, en Bertamiráns, establecendo un sentido único para a entrada e saída dos vehículos no aparcamento do centro educativo. O obxectivo desta medida é mellorar a seguridade viaria nesta zona, establecendo que os vehículos entren ao recinto pola estrada AC-544 (entrada principal do instituto) e abandonen o aparcamento pola zona de Castrigo, seguindo deste xeito de fronte e favorecendo a fluidez e circulación do tráfico. Ademais, determinouse unha zona exclusiva para o paso de peóns que será a empregada polos alumnos e alumnas para a saída e entrada ao centro educativo.
Ademais da reordenación do tráfico rodado no entorno do instituto, o Concello de Ames levou a cabo nesta zona outras actuacións, como o asfaltado, mellora do firme e pintado do aparcadoiro do IES de Ames. Nestes traballos, investíronse máis de 3.912 euros.
O concelleiro de Educación, Bernardo Moar, destacou que “se trata dunha actuación comprometida coa comunidade educativa e coa que tamén se conseguiu dotar ao centro educativo de máis prazas de aparcamento, ao tempo que se mellora o entorno e o firme”. O edil subliñou, ademais, “a importancia que ten esta actuación para dotar de maior seguridade para os alumnos e alumnas que saen e entran no instituto, xa que se establece unha zona de paso peonil que non coincide cos vehículos”.











