Ames despide aos nenos saharauís que pasaron o verán no municipio

Despedida aos cativos saharauis
O alcalde de Ames, Santiago Amor, e a concelleira de Benestar Social, María Eugenia Martín, recibiron na Casa do Concello aos nenos saharauís que pasaron o verán en Ames. Esta mesma semana, os días 4 e 5 de setembro, regresan as súas casas. Un ano máis o Concello de Ames mantivo o compromiso e a colaboración co programa Vacacións en Paz, que desenvolve a Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí, para que tres nenos saharauís puideran pasar os meses de xullo e agosto en terras amienses. O alcalde e a concelleira de Benestar Social entregáronlle un bolsa de agasallos e manifestáronlle aos representantes da Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí a súa intención de seguir colaborando o próximo ano con este programa solidario.
Un ano máis, o Concello de Ames colaborou co programa Vacacións en Paz, levado a cabo pola Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí. Este programa responde a un marco de solidariedade e axuda desinteresada para ofrecerlles unha estancia agradable aos nenos saharauís, para que coñezan outros xeitos de vida que contribúan á súa formación, pero tamén para potenciar a comunicación e entendemento entre dous pobos, como son o español e o saharauí.
O goberno municipal asinou de novo este ano un convenio de colaboración coa asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí a través do cal durante os meses de xullo e agosto tres nenos saharauís pasaron as súas vacacións en Ames. A Administración local colabora con este programa achegando unha contía de 890 euros por neno/a para sufragar os billetes de avión.
Este ano, unha familia repite experiencia acollendo a un neno saharauí, mentres que as outras dúas familias participan nesta iniciativa por primeira vez. Este venres remata o mes de agosto e os rapaces teñen que volver esta semana ás súas casas de Tindouf en Alxeria.
Pero antes o alcalde de Ames, Santiago Amor, e a concelleira de Benestar Social, María Eugenia Martín, recibiron na Casa do Concello aos nenos saharauís que pasaron o verán en Ames. Ademais de falar con eles para coñecer de primeira man a súa experiencia en Ames, o alcalde e a concelleira entregáronlle unha bolsa de agasallos.
Hafdala, Manata e Chabab é o nome do neno e das dúas nenas que pasaron o verán en Ames. Hafdala de 11 anos xa leva varios anos sendo acollido pola mesma familia amiense, mentres que as dúas rapazas, Manata e Chabab de 9 anos as dúas, estiveron por primeira vez en España e foron acollidas por dúas familias que participaron por primeira vez neste programa.
Estes nenos e nenas naceron nos campamentos de refuxiados saharauís que existen na zona da Hamada alxeriana en Tindouf. Son fillos dos saharauís que abandonaron de xeito forzoso os seus fogares instalados no territorio do antigo Sáhara español en 1975, e sobreviven hoxe en día grazas á axuda internacional. Soportan temperaturas que superan os 50ºC durante o verán e sofren diversos déficits alimentarios e de asistencia médica.











