Ames acometerá o asfaltado de vías nas parroquias de Ortoño, Bugallido, Biduído e Covas
O Goberno municipal de Ames, reunido en Xunta de Goberno Local, adxudicou as obras de acondicionamento e reparación dun conxunto de vías situadas en diferentes puntos do municipio. As obras foron adxudicadas á empresa Excavaciones Pose por un importe de 64.545 euros. En total, actuarase sobre oito puntos diferentes da rede viaria amiense grazas a un convenio asinado coa Deputación da Coruña. Esta mañá, o alcalde de Ames, Santiago Amor, asinou o contrato correspondente a estes traballos co representante da empresa adxudicataria.
Tras a firma do contrato, o rexedor amiense destacou que “o obxectivo destes traballos é dar continuidade ás obras de asfaltado xa realizadas nas pasadas semanas noutros puntos do municipio, reparando o estado destes camiños e levando a cabo actuacións que permitan mellorar a circulación dos vehículos que transitan por elas”. Neste conxunto de actuacións inclúese a reparación interior no lugar de Ortoñiño e os traballos de acondicionamento do camiño que une Bertamiráns e Cantalarrana, situados na parroquia de Ortoño.
Tamén se acometerán traballos na parroquia de Bugallido, máis concretamente nos camiños que unen o Cruce da Bola con Framán e Framán co campo de fútbol. Nesta mesma parroquia, procederase ao bacheo da travesía de Tarrío e do abanico Firminstáns-Tarrío. Este conxunto de obras inclúe o acondicionamento na parroquia de Biduído do camiño que une Quistiláns co cemiterio, mentres que en Covas traballarase no camiño da Igrexa.
En todos estes puntos, levarase a cabo a mellora da capa de rodaxe mediante o emprego de tratamento asfáltico, reparación de baches, pavimentación de grava e posterior triple tratamento asfáltico.











