Allariz abre a convocatoria 2014 para o Festival Internacional de Xardíns
A convocatoria 2014 do concurso de ideas para participar no Festival de Xardíns de Allariz permanecerá aberta ata o 15 de novembro deste ano, cuxo tema central é: O xardín da abundancia.
Na apertura da cuarta edición do festival este ano, o pasado mes de maio, o alcalde do Concello de Allariz, Francisco García, anunciou que o tema para o 2014sería precisamente este, a abundancia, para separarse do sentimento xeral de austeridade e recortes que afecta negativamente á sociedade actualmente. O obxectivo, destacar como contrapunto a esta austeridade a exuberancia do mundo vexetal, elemento que atrae un ánimo positivo. O Alcalde afirmaba no seu discurso “Abundancia que quere ser unha crítica á política que entende mal a austeridade e que só leva a perder as conquistas sociais logradas. Agardo que estes xardíns de abundancia de sensacións contribúa a cambiar a situación socioeconómica que atravesamos”
O concurso está aberto a paisaxistas, estudantes, xardineiros, profesionais e afeccionados, e, en xeral, a todo aquel que valora a xardinaría e o paisaxismo. En cada edición contou cun nivel crecente no número e calidade das propostas, que se reflicten na dificultade, cada vez maior, do xurado para facer a selección final. Este ano a organización agarda superar a cifra de propostas do ano anterior, que alcanzaron as corenta.











