Afeccións de tráfico con motivo da terceira etapa da Volta Ciclista
O Concello da Coruña, a través da Concellaría de Tráfico, que dirixe Begoña Freire, informa das afeccións de tráfico que terán lugar con motivo da terceira etapa da Volta Ciclista a Galicia 2013, que se celebra este domingo, 15 de setembro, na cidade. O percorrido será o seguinte:
– Saída (prevista para as 10.00 horas): Cantón Grande (zona Obelisco), Avida Liñares Rivas, Primo de Rivera, Avenida do Exército, Avenida da Pasaxe. (Todo o tramo estará neutralizado).
– Chegada (prevista entorno ás 13.55 horas): Entrada por avenida Fonteculler, Ponte da Pasaxe, Avenida do Exército, Primo de Rivera, Liñares Rivas, Cantón Grande (zona Obelisco).
Ademais das afeccións producidas como consecuencia de todo o percorrido, para a habilitación da zona de saída e chegada, cortarase o Cantón Grande e a Avenida da Mariña, entre Praza de Mina e Ambrosio Feijóo, entre as 05.00 horas e ata as 16.00 horas (aproximadamente) do mesmo día. Por iso, produciranse as seguintes incidencias:
– Entre Praza de Mina e Porta Real, o único vial posible para o tráfico será a avenida de Alférez Provisional.
– O percorrido quedará cortado ao tráfico, mentres se produza o desprazamento de toda a caravana de ciclistas, para a entrada e saída da cidade.
Ademais, resultan afectadas as seguintes liñas de autobús e paradas de taxi:
– Polo peche do tráfico en Cantón Grande e Avida da Mariña: 1, 1 A, 2, 2 A, 3, 3 A, 4, 5, 6, 6 A, 7, 11, 17 e 23 A
– Durante o transcurso da propia etapa, aquelas afectadas no seu percorrido, pero só polo tempo indispensable para a circulación da caravana ciclista: as liñas que atenden o servizo ao CHUAC e Teresa Herrera (as liñas 20 e 22).
– As paradas de taxi de Cantón Grande.
Para atenuar na medida do posible as incidencias que se van producir, o Concello da Coruña pon en marcha un dispositivo especial de tráfico que supoñerá o desvío de todos os autobuses que transcorren polo Cantón Grande e Avida da Mariña en dirección María Pita por Alférez Provisional, recuperando o seu itinerario habitual cara a Porta Real ou subida ao Parrote na Glorieta de Porta Real. Da mesma forma, todos os autobuses en sentido saída cidade deberán desviarse por Ambrosio Feijóo cara a Alférez Provisional, para recuperar itinerario habitual por Praza de Ourense. Habilitaranse paradas provisionais en Alférez Provisional á altura de Paseo de Coches, que suplirán as perdidas entre Praza de Mina e Ambrosio Feijóo.
Polo que afecta ás liñas 3 e 7, con itinerario habitual por Santa Catalina cara a Cantón Grande, continuarán traxecto por San Andrés – Rúa Alta – rúa Hospital. A rúa Santa Catalina cambiará o seu sentido circulación cara a San Andrés, para facilitar a saída do tráfico procedente de Durán Loriga, sinalizándose xa dende San Andrés a dirección prohibida daquela rúa en dirección Cantón Grande. Por outra parte e dado que se elimina a parada de taxis de Obelisco (Cantón Grande), habilitarase unha parada de taxis provisional en Paseo de Coches, rúa na que se impedirá o aparcadoiro durante todo o tempo que duran a afección.
Dende a Concellaría de Tráfico, Mobilidade e Uso e Utilización do Dominio Público recoméndase limitar o uso do vehículo privado ao estritamente necesario durante todo o tempo que dure a celebración do evento deportivo.











