AFAL continúa as xornadas de portas abertas con motivo do Día Mundial do Alzheimer

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocal
A-
A+

AFAL Ferrolterra continuará mañá coa súa intensa actividade para dar a coñecer a enfermidade de alzheimer e o traballo que desenvolve para mellorar a calidade de vida de afectados e familiares. Deste modo, a súa presidenta, Milagres Prieto, informou de que a asociación volverá instalar mesas informativas e petitorias na cidade de Ferrol. Tras a positiva resposta desta iniciativa rexistrada por parte da cidadanía esta mañá no Complexo Hospitalario Universitario Arquitecto Marcide e no Hospital Naval, AFAL levará mañá mércores as súas mesas informativas á zona urbana de Ferrol. Entre as 10 e as 14 horas, estará presente en diferentes puntos como a Avenida de Esteiro, o barrio de Canido ou as inmediacións do Hotel Suízo, o Casino ou o Avenida.

Non será a única actividade prevista, xa que entre as 11,30 e as 12,30 horas, o Centro de Día Terapéutico abrirá as súas portas para dar a coñecer a súa actividade do día a día. Unha xornada que AFAL programa especialmente dirixida ao persoal sanitario e o movemento asociativo. Ademais, xa pola tarde, ás 19,30 horas e en colaboración coa asociación de veciños da Graña, persoal da entidade impartirá unha conferencia no local social para dar a coñecer a enfermidade e solucionar as posibles dúbidas dos asistentes. Unha actividade que se inclúe no marco da Semana Cultural e á que está invitada toda a cidadanía.

17 de setembro de 2013 | 17:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.