AFAL celebra o sexto aniversario do seu Centro de Día Terapéutico

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocal
A-
A+

Os usuarios do Centro de Día Terapéutico de AFAL Ferrolterra e os seus familiares serán os grandes protagonistas da celebración do sexto aniversario das instalacións, situadas na rúa Río Castro da cidade naval. Segundo explicou esta mañá a presidenta da entidade, Milagres Prieto, a festa terá lugar este venres, 13 de setembro, a partir das 16 horas e inclúese no calendario de actos organizados por AFAL para conmemorar o Día Mundial do Alzheimer. No transcurso desta, os usuarios realizarán, xunto aos seus netos, un gran cadro que pasará a formar parte do propio centro. A continuación, poderán gozar dunha merenda e dun baile amenizado polo cantante Joselo. Ademais, representantes da Asociación de Mulleres Cabanas Rural de Lavandeira entregarán á entidade a recadación da súa tarde solidaria, celebrada en xuño cun grande éxito de asistencia.

Neste sentido, Milagros Prieto destacou a importancia das instalacións, pioneiras na bisbarra, para o tratamento e atención aos enfermos de alzheimer. De luns a venres, dende as 8 ata as 20 horas, atende a unha media de corenta persoas afectadas pola enfermidade. O obxectivo é retardar ao máximo os seus efectos e, para iso, os usuarios participan en diferentes terapias e talleres (psicomotricidade, memoria, estimulación cognitiva, relaxación, orientación témporo-espacial, musico-terapia…). Non só iso, o equipo multidisciplinar de AFAL Ferrolterra tamén presta axuda aos familiares a todos os niveis, dende a resposta a consultas sociosanitarias ata o apoio a nivel xurídico.

Visibilizar a enfermidade. A presidenta de AFAL recordou que a celebración do sexto aniversario do Centro de Día se inclúe no programa de actos deseñado pola entidade para conmemorar o Día Mundial do Alzheimer. Neste sentido, explicou que AFAL concentrará os seus esforzos en visibilizar a enfermidade e conseguir que o Alzheimer estea na vida cotiá da cidadanía durante todo o mes de setembro a través das actividades previstas, máis alá de limitarse a unha única xornada. Unha enfermidade que día a día avanza á par que aumenta a esperanza de vida da sociedade. Así, a festa do venres vén precedida dunha colecta realizada o pasado 7 de setembro no centro comercial Alcampo. Acción que se repetirá o día 17, esta vez no Complexo Hospitalario Universitario Arquitecto Marcide e no Hospital Naval, e o día 18, no ámbito urbano da cidade de Ferrol (cale Real, Dores, na praza de España, Inferniño…). Ademais, entre as accións máis inmediatas e próximas ao Día Mundial do Alzhéimer, o día 20 terá lugar a tradicional cea benéfica no restaurante do Hotel Almirante, coa música do grupo Feryátricos. Todo aquel que desexe acudir terá que realizar a súa reserva antes do día 19 a través do teléfono 981 370692 ou do correo afalferrolterra@afalferrolterra.com. O prezo é de 30 euros, que irán destinados aos programas que desenvolve a entidade.

11 de setembro de 2013 | 12:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.