Administración autonómica e provincial únense para optimizar a coordinación do Servizo de Axuda no Fogar
A Consellería de Traballo e Benestar e a Deputación de Ourense veñen de asinar un convenio de colaboración para optimizar a coordinación na tramitación dos expedientes do Servizo de Axuda a Domicilio, ao tempo que mellorará as funcións que no eido da atención á dependencia.
Desta maneira, a Deputación de Ourense poderá acceder directamente á información sobre a tramitación administrativa dos expedientes de solicitudes de valoración e recoñecemento da dependencia e do dereito ás prestacións do sistema dos usuarios, e poderá tamén acceder aos datos da resolución do Programa Individual de Atención (PIA) e á xestión do Programa de asignación de recursos para o Servizo de Axuda no Fogar.
Toda esta información estará a disposición da Deputación de Ourense a través do módulo extranet do que xa dispoñen os concellos de Galicia. A actuación, ao igual que no caso dos municipios, está amparada pola Lei de Protección de Datos.
A Consellería de Traballo e Benestar considera fundamental articular a colaboración necesaria neste eido non só cos concellos, senón tamén coas deputacións, de cara a conseguir unha resposta áxil, pronta e eficaz na resolución dos expedientes e tamén para mellorar a xestión do procedemento utilizando, desta forma, os medios tecnolóxicos que na actualidade están ao alcance da Administración.
A creación do módulo extranet, que o departamento autonómico puxo a disposición dos concellos no ano 2011, foi un paso fundamental para a mellora da comunicación e coordinación entre a Administración Autonómica e Local. Xa desde o seu acceso inicial permitiu informar ao cidadán de primeira man sobre o estado de tramitación do seu expediente de dependencia e que os traballadores sociais coñeceran as incidencias que se producen nos expedientes por eles inicialmente tramitados.
Así mesmo, a través destas melloras tecnolóxicas, foi posible mellorar o procedemento de asignación ás persoas beneficiaras do Servizo de Axuda no Fogar, dispoñendo en tempo real da información do sistema, así como o financiamento do mesmo por parte das entidades locais. Acadouse unha maior axilidade na liquidación dos pagamentos e garantiuse o financiamento das horas efectivamente prestadas ás persoas en situación de dependencia.











