Actuación do grupo “Os Cempés” en Tomiño

Portada do novo traballo do grupo “Os Cempés”
Como adianto do programa de Festas do Alivio, o grupo de Ferrolterra “Os Cempés” actuará na Praza do Seixo de Tomiño, tras catro anos de descanso. O grupo reaparece con nova formación e novo disco, financiado polos propios fans. A cita será mañá, xoves 12, a ás 22.00 horas. Organiza o Concello de Tomiño con entrada de balde.
“Os Cempés” está a piques de cumprir vinte anos de xiras por Galicia, Portugal, España, Francia, Noruega ou Inglaterra. O novo traballo, que leva por título “Tentemozo”, foi gravado coa colaboración de numerosos músicos convidados, coma Carlos Quintá, Begoña Lorenzo, ou Luis Peixoto, e contou tamén coa colaboración dos mozos e mozas da Escola Livre da Música Popular Galega ELMPG (aCentral Folque).
A gravación do disco foi financiada polos propios fans do grupo a través do sitio www.verkami.com, mediante o sistema coñecido coma Crowdfounding, acadando unha excelente acollida e repercusión.
Centos de concertos e cinco discos publicados, son a bagaxe desta banda que presume de facer bailar e cantar ao público dende o primeiro ao último tema nos seus concertos.
Por outra banda, esta noite, 11 de setembro, ás 22.00 horas terá lugar na Praza do Seixo de Tomiño o concerto do grupo local “Can de Palleiro”.











