Actividades con motivo do Día do Alzheimer

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalMos
A-
A+

As concellerías de Educación e Participación Cidadá, e Cultura e Benestar Social mosenses, que dirixen as edís Kely Monzón e Sara Cebreiro, respectivamente, organizan conxuntamente a programación con motivo do Día Internacional do Alzheimer, que se celebra o vindeiro sábado, 21 de setembro.

As actividades do programa consisten nunha obra de teatro titulada Un Avó Especial –incluída tamén dentro do programa Ocio en Familia-, unha charla titulada Falemos do Alzheimer e un obradoiro para familiares de persoas con Alzheimer e outras demencias.

A obra de teatro Un Avó Especial da compañía Migallas Teatro terá lugar o vindeiro domingo 22 de setembro no Multiusos das Pozas de Mos ás18:00 horas. Esta obra teatral será realizada en colaboración con AFAGA (Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e Outras Demencias de Galicia), e vai dirixida ós membros das unidades familiares do municipio de Mos con nenos e nenas con idades comprendidas entre os 3 e 12 anos.

Os obxectivos desta actividade son ofrecer alternativas de ocio saudable para todos os públicos, axudar aos rapaces a comprender situacións que moitos deles poden vivir no seu contorno familiar, mellorar e aumentar os momentos de lecer compartidos nos membros de cada familia, proporcionar ferramentas ás familias para a súa propia xestión de ocio saudable e propiciar a interactuación e o contacto entre as diferentes familias do Concello.

Un Avó Especial é un espectáculo destinado a público familiar no que se aborda o tema da enfermidade do Alzheimer co obxectivo de axudarlles ós rapaces a comprender situacións que moitos deles poden vivir no seu contorno familiar.

Malia a seriedade do tema que trata ten un enfoque humorístico que persegue fomentar actitudes optimistas para afrontar os problemas da enfermidade e amosar a importancia que teñen os nenos para que os maiores vivan momentos felices.

A parte da enfermidade, tamén se trata o tema da relación entre os nenos e os vellos en xeral así como diferentes modos de educar ós rapaces por parte dos membros da familia.

Así mesmo, os avós preséntanse como transmisores da sabedoría tradicional e peculiar de cada pobo fronte á uniformidade cultural imposta pola publicidade e a sociedade de consumo. Ditos tradicionais, lerias e enredos son un elemento máis da obra.

A charla Falemos do Alzheimer sobre a enfermidade do Alzheimer e outras demencias neurodexenerativas celebrarase o xoves 26 de setembro de 20:00 horas a 21:00 horas no Pazo dos Marqueses de Mos e será impartida por AFAGA. Mentres que o obradoiro para familiares de persoas con Alzheimer e outras demencias, denominado ‘Un coidador, dúas vidas’, a cargo de persoal de AFAGA tamén, desenvolverase no CDL (Centro de Desenvolvemento Local) de Mos durante os días 27 de setembro e 4, 11, e 18 de outubro en horario de 18:00 horas a 20:00 horas.

19 de setembro de 2013 | 20:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.