Aberto o prazo para que os estudantes soliciten as axudas para transporte

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalMonforte de Lemos
A-
A+

A concelleira de Educación, Pilar López, informa que, dende mañá sábado e ata o día 22 de outubro, está aberto o prazo para solicitar as axudas ó transporte destinadas ó alumnado que estuda fóra de Monforte.

A cantidade destinada para este fin é de 9.000 €, ó igual que nos anos 2011 e 2012.

Entre os requisitos para poder acceder a estas axudas figura que o nivel de renda dos solicitantes non debe exceder o tope máximo de 9.000 € anuais por membro da unidade familiar. A situación laboral dos membros da unidade familiar tamén será obxecto de baremación.

Outro dos aspectos recollidos nas bases refírese a que non se concederán máis de 600 € nin menos de 200 € por familia.

Dende o curso pasado as becas de transporte non se dirixen unicamente a estudantes universitarios, senón que tamén benefician a estudantes que teñan que viaxar fóra da nosa cidade para cursar algún bacharelato ou ciclo de formación profesional que non se poida estudar en Monforte.

En canto ó medio de locomoción, ó igual que sucedeu no curso pasado, as becas destinaranse ó transporte en autobús e en ferrocarril.

O 100 % da subvención farase efectiva nun único prazo unha vez concedida, adiantando o Concello un diñeiro que os estudantes deberán logo xustificar, como máximo o día 18 de xullo de 2014 ou, en caso contrario, devolver a cantidade de diñeiro non xustificada.

Os/as estudantes interesados/as en solicitar estas axudas deben dirixirse á Oficina de Xuventude, situada nas Casiñas da Compañía. As bases e os impresos para realizar as solicitudes están a disposición das persoas interesadas na citada oficina, no rexistro municipal ou na páxina web www.monfortedelemos.es.

27 de setembro de 2013 | 18:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.