Aberto o prazo de solicitudes para a convocatoria de bolsas de estudos municipais
O Boletín Oficial da Provincial (BOP) publica hoxe as bases da convocatoria do Concello da Laracha referida ás axudas ás familias para a escolarización dos seus fillos, cuxo obxectivo é colaborar cos gastos derivados do inicio do curso escolar 2013-2014 en aspectos como a adquisición do material escolar e didáctico complementario, vestiario ou calquera outro desembolso directamente relacionado directamente coa actividade educativa.
A partir de mañá e ata o vindeiro día 2 de outubro as persoas interesadas en optar a unha das bolsas de estudos convocadas deben presentar as súas instancias na concellería de Ensino. Poden participar no procedemento a totalidade dos estudantes empadroados no municipio, desde os alumnos de educación infantil ata os universitarios.
A convocatoria está dotada nesta ocasión coa cantidade récord de 55.000 euros, o que permitirá dotar cunha maior contía económica ás axudas. En concreto, a cifra das bolsas de estudos municipais do Concello da Laracha para alumnos de educación infantil será de 100 euros cada unha, 75 euros para os de educación primaria, secundaria obrigatoria e programas de garantía social, 150 euros para os estudantes de bacharelato e ciclos formativos de grao medio e superior, 250 euros para os que cursen estudos universitarios de grao medio ou superior e 300 euros para aqueles alumnos que requiran de necesidades educativas especiais.
O goberno municipal da Laracha realiza este importante esforzo consciente das dificultades económicas que supón para moitas familias o inicio do curso dos alumnos e co propósito esencial de facilitar o proceso de formación dos veciños como o elemento fundamental para o seu desenvolvemento persoal.
Unha vez rematado o prazo, a Comisión de Valoración analizará todas as solicitudes presentadas atendendo a criterios educativos e económicos, beneficiando principalmente ás familias con menos recursos.











