Aberto o prazo de matrícula para o curso 2013-14 na Escola de Música de Ribadumia
A Escola Municipal de Música de Ribadumia abriu o prazo de matriculación para o próximo curso académico. Os rapaces que se interesen polos coñecementos musicais e instrumentais dispoñen dun prazo de matrícula, que estará aberto dende o 16 o 30 de setembro, xa que as clases comezarán a principios de outubro, e será entón cando se elaboren os grupos e os horarios. As persoas que queiran formalizala deberán dirixirse o Centro Social de Barrantes de luns a Venres a partir das 21:00 horas e os sábados a partir das 18:00.
A formación que se oferta na escola municipal inclúe clases individuais de instrumentos de vento metal, madeira e percusión, así como de solfexo, de teoría, de linguaxe musical e música de cámara, pero nestes casos en grupos de dez persoas. Para os máis cativos, entre os tres e os seis anos, impártese un primeiro achegamento á música e ó son a través das clases de música e de movemento para, unha vez rematado este período, comezar con seis anos a formación en linguaxe musical.
Asemade, desde a escola amplíase a oferta educativa cun curso exclusivo para acceso ó conservatorio, onde se prepara ós asistentes para o exame de acceso a estes centros musicais. As materias que se imparten inclúen instrumento, linguaxe musical e teoría.
A matrícula da Escola Municipal de Ribadumia corre a cargo dos propios alumnos, así como as clases individuais de instrumento. A parte destas dúas bandas, a Escola de Música ten a súa propia. Unha vez que os nenos teñen práctica cos instrumentos a nivel individual, entran a formar parte da banda para aprender a tocar en grupo.
O curso académico da Escola de Música Municipal de Ribadumia dura ata xuño. A Escola de Música de Ribadumia comezou a funcionar hai agora sete anos, pero desde a Concellería de Cultura destacan o importante número de alumnos que forman parte dela cada curso así como toda a oferta formativa que se ofrece.











