Aberto o prazo de inscrición no curso de lingua galega para estranxeiros
A Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes realizará un curso de galego básico para extranxeiros que dará comenzo o vindeiro martes 10 de agosto. Unha convocatoria cuxo prazo de inscrición permanece aberto para todos aqueles interesados en asistir. Para formalizar a matrícula é preciso achegarse ata as oficinas ubicadas nos baixos da Alameda de Ordes en horario matutino.
Dito curso terá unha duración de 40 horas e finalizará o 10 de outubro. Concretamente impartirase de luns a xoves de 10 a 12 horas e está pensado fundamentalmente para persoas inmigrantes, estranxeiras e aqueles e aquelas interesadas en aprender ou mellorar a súa expresión oral e escrita en lingua galega. Tamén está recomendado de cara á preparación das probas para a obtención do título oficial Celga, así como para competencias clave no caso dos certificados de profesionalidade
Entre os obxectivos marcados polo Servizo de Normalización Lingüística (SNL), responsable deste iniciativa formativa, están os de conseguir a plena galeguización de todos os colectivos da comarca, ademais de estimular aquelas actitudes favorables para un pleno e correcto uso do galego. O SNL está operativo dende o pasado 17 de xuño deste ano co fin de incrementar e fomentar o uso e o prestixio da lingua galega en todos os ámbitos. As súas funcións están centradas en diversos planos como a dinamización e formación sociolingüística e o asesoramento lingüístico. Tamén destaca a normalización e a mellora da imaxe e a calidade lingüística e comunicativa da Administración.
O SNL ofrecerá os seus servizos ata o 15 de outubro. O seu programa está dirixido basicamente á corrección e actualización da páxina web da Mancomunidade (onde ten unha sección propia con vocabularios, dicionarios e outros recursos) e á organización e impartición do curso básico de lingua galega que terá lugar nas propias instalacións da Mancomunidade. Tamén está á disposición de todos os concellos integrantes dela para que as súas publicacións externas (folletos, dípticos informativos, bandos…) sexan revisadas pola persoa responsable deste área.











