Aberto o prazo de inscrición do curso “Tapas, pinchos e canapés”
O Concello de Ribadumia abre o prazo para inscribirse nos cursos Actívate que organiza en colaboración coa Deputación de Pontevedra. Son accións formativas para a mocidade, que nesta edición se especializarán en “Tapas, pinchos e canapés”. Desde o concello pretendese dotar os mozos de nocións básicas de elaboración de tapas , polo que será unha oportunidade importante de aprendizaxe e especialización para a xente máis moza de cara a orientación laboral cara o mundo da hostalería.
O curso ten unha duración de 40 horas, das que 36 serán formativas do propio curso e 4 corresponderá a un taller de carácter obrigatorio sobre as habilidades sociais para a inserción laboral, técnicas de busca de emprego, elaboración do curriculum vitae, orientación laboral… As datas e o horario do curso aínda están por determinar, e confirmarase aos interesados unha vez rematado o prazo de inscrición -20 de setembro-. O curso impartirase no último trimestre do ano.
As inscricións xa se poden facer no departamento de Orientación Laboral do Concello de Ribadumia. Os solicitantes deberán entregar fotocopia de DNI e da tarxeta de demandante de emprego, no seu caso. Para participar nel valorarase preferentemente que estean en situación de desemprego e que non realizasen ningún curso deste programa.
Os cursos Actívate son accións formativas gratuítas para a mocidade de entre 16 e 35 anos, financiados pola Deputación de Pontevedra. O Concello de Ribadumia adscribiuse por cuarto ano consecutivo a este programa, co fin de seguir ofrecendo formación gratuíta á mocidade do municipio, mellorar a súa especialización profesional e favorecer a inserción no mercado laboral, especialmente naquelas disciplinas nas que existe un nicho de mercado emerxente. En Ribadumia xa se impartiron, a través deste programa, os cursos de técnicas de aseo e hixiene a persoas dependentes, Auxiliar de Gardería, de Caixeiro-Repoñedor e de Poda e Xardinería.











