publicidade hoxe

Abegondo inaugura a área recreativa do encoro de Beche

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAbegondoLocal
A-
A+

O Concello de Abegondo inaugura mañá, domingo 15 de septiemnre, a área recreativa do encoro de Beche. Será unha completa xornada familiar que no seu día fose programada para o 27 de xullo, pero que o Concello aprazou en solidariedade co accidente ferroviario sucedido en Santiago.

O goberno municipal programou unha xornada inaugural con multitude de propostas para gozar dun día de familia e entre amigos. Os actos comezarán ás 13.30 horas. Entón comezará a soar a música que amenizará o mediodía.

O Concello anima os veciños a ir a comer á área, ben levando eles mesmos a comida, ou ben facendo uso da pulpeira e bochinche que se instalará en Beche. A porción de polbo, con pan e viño, custará 8 euros. Os asistentes serán invitados ademais a queimada.

Ás 15.30 horas iniciarase un programa de actividades de ocio, gratuítas, con iniciativas para todas as idades. O deporte será protagonista con diferentes actividades, como o piragüismo, aproveitando o recurso do encoro navegable de Beche.

Os máis pequenos terán á súa disposición inchables, talleres de globoflexia ou competicións con pistolas de auga. Os xogos populares e os torneos de naipes, como o tute, farán as delicias de todos os públicos.

Así mesmo, organizarase unha ruta de sendeirismo polo parque. Tamén se pode levar a bicicleta para pasear arredor do encoro.

A nova área recreativa amplía notablemente as prestacións do parque fluvial, construído en primavera de 2012 polo Plan de Dinamización do Produto Turístico da Coruña e a súa Área Metropolitana. Visto o grande aproveitamento logrado no ámbito e a boa acollida que tivo por veciños e turistas, o goberno municipal decidiu crear esta área recreativa, co financiamento da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural.

Un amplo conxunto de bancos e mesas de pedra, xogos de aventura para os pequenos, barbacoas cubertas, refuxios para pescadores, accesos á ribeira ou cubertas de madeira para o almacén das piraguas son algúns dos elementos que compoñen a área, situada na entrada do parque fluvial.

O alcalde de Abegondo, José Antonio Santiso, anima os veciños a participar na xornada para coñecer e gozar dun dos principais recursos naturais do seu municipio. Santiso recorda o gran cambio experimentado por Beche, que deixou de ser unha simple presa para converterse en “un sitio ideal para actividades deportivas acuáticas, para o paseo, para comer tranquilamente ou para levar os nenos”.

14 de setembro de 2013 | 12:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.