publicidade hoxe

Abegondo acorda coas ANPA duplicar a investimento no banco de libros ante o éxito logrado

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAbegondo
A-
A+
Sinatura do convenio

Sinatura do convenio

Abegondo apostará con forza polo banco de libros municipal como medida para axudar ás familias dos alumnos na adquisición dos libros escolares. A iniciativa foi creada este ano, co investimento tanto do Concello de Abegondo como as ANPA do CEIP San Marcos e do IES de Viós.

A idea permitiu a 80 nenos de Abegondo, de Primaria e Secundaria, obter todos os libros necesarios por un único pagamento de 30 euros, moito menor do custo total sen o banco de libros. As ANPA e o goberno local consideran que a medida resultou exitosa nesta primeira edición e poderá crecer na segunda.

Por iso o Concello duplicará o seu investimento na iniciativa de cara ao próximo curso, alcanzando os 3.000 euros. Así o acordaron os representantes das ANPA co concelleiro de Educación, Gustavo Quindimil, na reunión convocada por este, e que contou tamén coa participación de concelleiros da oposición para consensuar a postura do Concello.

O acordo é claro: impulsar o banco de libros de Abegondo, sinala Quindimil. Para iso, ademais deste incremento monetario, o concelleiro apunta que se ampliará a difusión da iniciativa para que máis familias consideren formar parte do banco. Na reunión, ademais, abordouse outro asunto educativo como son as bolsas que convoca o Concello e que serven para axudar ao acceso aos estudos aos veciños de todos os ciclos, dende Infantil ata a propia Universidade. Os concelleiros da oposición propuxeron incrementar as bolsas para universitarios para a próxima convocatoria, ao que Quindimil aceptou e agradeceu a suxestión.

Convenios coas ANPA

Os representantes das ANPA, de CEIP e IES, asinaron os convenios de colaboración co Concello para o presente curso escolar. O alcalde, José Antonio Santiso, presidiu a firma, na que tamén estivo José Miguel Blanco, director do CEIP San Marcos.

Os convenios propiciarán que os escolares do colexio e do instituto gocen de diferentes programas detrás da conciliación da vida familiar e laboral das familias. No caso do CEIP, o alumnado contará cun amplo servizo de atención e actividades nas horas previas e posteriores ao desenvolvemento da actividade lectiva.

O sistema de apoio abarca dende a mañá ata a noite. Serán un total de 13 horas de servizo de atención aos alumnos, de 7.30 a 20.30 horas. As iniciativas que dispoñen os pais e nais son as seguintes:

– A primeira hora comezará o servizo de coidado de mañás. O Concello sufraga o custo das coidadoras que proporcionan o servizo. Os pequenos ademais poden almorzar no centro.

– Ao mediodía, o colexio ofrece o servizo de comedor. O servizo de coidado dos pequenos neste tramo é ofrecido polo ANPA de forma voluntaria. O Concello, consciente deste esforzo, apoiará a asociación en concepto de indemnización para recoñecer o seu esforzo.

– Aula lúdica. Realización de actividades tras as clases. Os pais os recollerán cando o desexen, coa limitación das 20.30 horas.

– Servizo de actividades de mediodía. Con esta opción, o goberno local pretende que parte das escolas deportivas e culturais municipais se ofrezan en horario de mediodía para os alumnos do CEIP. Este programa, sufragado tamén polo Concello, incluirá a custodia dos nenos por parte dos monitores e a oferta de diferentes modalidades de actividades.

En canto ao IES, o programa de apoio á conciliación da vida familiar e laboral inclúe que os alumnos dispoñerán ao mediodía de atención e de actividades que faciliten aos pais a conciliación. O servizo de coidadores é proporcionado por voluntarios procedentes da ANPA. O goberno local sufragará a súa indemnización mensual.

O primeiro edil considera que a administración debe “ofrecer as mellores condicións a as familias para que a acción educativa se desenvolva correctamente” e niso, engade, “o Concello de Abegondo non vai fallar”.

30 de setembro de 2013 | 17:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.