AAFAL conmemora o Día Mundial do Alzheimer cunha programación marcada pola información e as doazóns
AFAL Ferrolterra inaugura mañá sábado o programa de actividades deseñado para conmemorar o Día Mundial do Alzheimer. E farao coa instalación de mesas informativas e petitorias no centro comercial Alcampo. Durante toda a xornada, de 10 a 22 horas, persoal da entidade dará a coñecer a enfermidade ao público e o labor que desenvolve para mellorar a calidade de vida de enfermos e familiares, ao tempo que recollerán os donativos que desexe realizar a cidadanía para colaborar economicamente con ese traballo. Esta iniciativa repetirase os días 17 e 18, aínda que en diferentes escenarios. No Hospital Naval e Complexo Hospitalario Universitario Arqui-tecto Marcide na primeira xornada e en diferentes rúas da cidade de Ferrol na segunda. Pero non serán estas as únicas propostas de AFAL Ferrolterra durante este mes.
Así, a súa presidenta, Milagres Prieto Gondell, recorda que a asociación celebrará o día 13 o sexto aniversario do seu Centro de Día Terapéutico, o primeiro en Galicia aberto por unha asociación. Será unha festa na que os usuarios e as súas familias, xunto ao equipo técnico da entidade, compartirán merenda, música e manualidades. Ao respecto, a presidenta de AFAL quere agradecer a presenza do can-tante Joselo, que amenizará a tarde. Nesta liña, Milagres Prieto tamén destaca unha das pro-postas máis novidosas deste ano: as xornadas de portas abertas. A primeira, o día 18 de 11,30 a 12,30 horas e dirixida a persoal sociosanitario, clave no traballo e labor que desenvolve AFAL. A segunda, o día 25 no mesmo horario e enfocada a familias, políticos, medios e asociacións. O obxectivo non é outro que mostrar o día a día do centro e o traballo da asociación.
O venres 20, AFAL organizará a súa tradicional cea benéfica, aberta á participación de todo o mundo. Unha oportunidade para colaborar coa asociación e, ao mesmo tempo, gozar dunha reunión amena e unha boa cea. Nesta ocasión, terá por escenario o restaurante do Hotel Almirante, a partir das 21,30 horas e estará amenizada pola música de Feryátricos. Para acudir, é preciso con-asinar asistencia no correo Afalferrolterra@afalferrolterra.com ou de forma presencial na propia asociación (c/Río Castro, 43-45, Ferrol). O prezo é de 30 euros. Ademais, a asociación programou charlas informativas, como a que se celebrará o día 18 na asociación de veciños da Graña a partir das 19 horas ou a prevista no Museo da Sociedade Galega de Historia Natural de Ferrol o día 25 ás 20 horas. E, por último, dúas actividades que se realizarán en Narón en colaboración co Concello. A primeira, o 27 de setembro no Centro Manuela Pérez Sequeiro, ás 18 horas e, a segunda, na Fundación Terra de Trasancos, no Val, ás 19 horas. En ambos os dous casos, a asociación propón ao público asistente poñerse na pel do enfermo a través dun circuíto de actividades que recrean rutinas do día a día. Actividades que rematan cunha charla informativa.











