A X Edición do Concurso de Tapas Picadillo arranca con 52 participantes e 4 rutas gastronómicas
A X Edición do Concurso de Tapas Condimento comeza mañá, venres 13 de setembro, coa participación de 52 establecementos de hostalaría da cidade, 11 máis que o ano anterior. En total, concorren ao certame, que finaliza o 29 de setembro, un total de 69 tapas distribuídas en dúas categorías: 42 na tradicional e 27 na creativa.
Os folletos coas catro rutas gastronómicas que agrupan a todos os participantes xa están dispoñibles, entre outros puntos de interese, nas oficinas de información turística, hoteis, centros cívicos, Fórum Metropolitano e nos locais que concursan nesta décima edición, para que coruñeses e turistas poidan degustar as tapas e participar nas votacións, que lles darán opción a entrar no sorteo de ceas, vales de compras e paquetes de ocio.
As rutas do concurso de Tapas Condimento son as seguintes:
-Cidade Vella-Barreira-Praza da Constitución.
-Avenida de Rubine-Alameda-A Marina-Méndez Núñez.
-Praza de Galicia-Emilia Pardo Bazán-Juan Flórez-Catro Camiños-Elviña.
-Os Rosales-Rolda de Outeiro.
O prezo das tapas non superará en ningún caso os dous euros e haberá tres premios de 1.500 euros cada un: Mellor Tapa Tradicional, Mellor Tapa Creativa e Premio Cidade da Coruña. Este último galardón será outorgado polo público, que poderá votar as creacións nos establecementos, optando ademais a participar no sorteo dos seguintes regalos:
– Nove comidas/ceas en restaurantes con Menú Catuxa para dous nenos e dous adultos cada un.
– Seis vales de compra por valor de 130 euros cada un para comprar no pequeno comercio.
– Cinco paquetes de ocio do produto Catuxa descóbreche A Coruña que inclúe dende bautismos de vela ata paseos en 4 x 4 polos arredores da cidade, saídas en catamarán, circuítos termais na Casa da Auga e un curso de iniciación ao surf.
Na primeira fase do concurso, expertos das escolas de hostalaría da cidade visitarán os establecementos puntuando as tapas de 0 a 10 puntos atendendo aos seguintes criterios: sabor, elaboración, presentación e relación calidade prezo. Só pasarán á segunda fase dez tapas (cinco en cada modalidade).
Na segunda fase, un xurado valorará as tapas finalistas seguindo os mesmos criterios. Ademais, ao igual que na edición anterior, o Goberno local foi especialmente rigoroso na elaboración das bases e estableceu a figura do mystery shopper (cliente misterioso), que visitará os establecementos para comprobar que cumpren cos compromisos establecidos (como ofrecer a tapa que concursa ou respectar o prezo acordado), afianzando así a imaxe de calidade e excelencia da Coruña.
O concurso inclúe ademais talleres infantís Pequepincho durante dous días: os sábados 21 e 29 de setembro no mercado de San Agustín e o seu obxectivo, como na edición anterior, é fomentar entre os máis pequenos os bos hábitos de alimentación e o consumo responsable. Nestes talleres, cuxo prazo de inscrición está aberto na web do certame (www.tapaspicadillo.coruna.es), poderán participar un máximo de 60 nenos de entre os 5 e 9 anos e celebraranse dous ao día en horario de 10.00 a 14.00 horas onde os alumnos aprenderán xunto a cociñeiros a elaboración dunha tapa de principio a fin: dende facer a compra nos postos do mercado ata preparar o prato.
O certame terá forte presenza nas redes sociais a través do hashtag Saborea Coruña como membro de Saborea España, a plataforma gastronómica na que participa A Coruña para posicionarse e promoverse no mercado nacional e internacional como destino gastronómico de referencia e primeiro nivel.











