A visita guiada á sala Antonio Fernández do Museo Provincial de Lugo rexistra setenta participantes
Máis de 70 persoas participarán o vindeiro domingo, 29 de setembro, da visita guiada á Sala Antonio Fernández do Museo Provincial de Lugo, organizada polo Concello de Tomiño en colaboración coa Comisión Antonio Fernández, e o Museo Provincial e Deputación de Lugo.
A actividade, que ten un prezo de 9 euros, para o transporte, encádrase dentro do “Ano Antonio Fernández”, serie de actos conmemorativos organizados co obxectivo de destacar a figura do pintor de Goián (Tomiño), na procura dun maior recoñecemento público da súa traxectoria profesional e persoal.
A comitiva encabezada polo concelleiro tomiñés de Patrimonio, tenente de alcalde e deputado provincial, Uxío Benítez, sairá ás 08.30 horas da Praza Pintor Antonio Fernández (Goián), e será recibida en Lugo polo delegado de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, Mario Outeiro, que participará tamén na visita guiada pola sala dedicada ao pintor goianés, na que se atopa unha vintena de obras das diferentes etapas do artista.
Esta visita forma parte da programación “Ano Antonio Fernández”, inaugurada en agosto co I Certame de pintura ao aire libre, e da que tamén forma parte unha importante exposición da obra do pintor, que terá lugar entre o 4 e o 20 de outubro no Centro Goianés. Ademais, no mes de novembro, haberá un ciclo de cine; en febreiro de 2014, unha homenaxe musical, e durante todo o curso escolar, diferentes actividades nos centros educativos do municipio.











