A vila de Monforte conmemora a XIV Xornada Europea da Cultura Xudía con visitas á xudaría
Monforte de Lemos pertence, xunto con outras 23 poboacións de España, á Asociación “Red de Juderías de España – Caminos de Sefarad”. A inclusión da cidade na citada asociación representa un recoñecemento ó seu rico pasado medieval e en particular á forte pegada hebrea no mesmo. O Concello de Monforte de Lemos considera moi importante o feito de pertencer a esta asociación polas posibilidades que permite de divulgación do patrimonio histórico e artístico da cidade.
Co contexto sinalado relaciónanse unha serie de actividades que se desenvolven anualmente destacando, ó igual que noutras poboacións pertencentes á “Red de Juderías de España – Caminos de Sefarad”, as relacionadas coa Xornada Europea da Cultura Xudía que o domingo 29 de setembro celebra a súa XIV edición.
O tema deste ano, “Patrimonio Xudeu e Natural, deu pé a organizar actividades especialmente relacionadas coa divulgación do noso patrimonio.
O concello de Monforte programa para esta Xornada tres visitas comentadas á zona de ámbito xudeu da nosa cidade, con saída dende a Oficina Municipal de Turismo ás 11:30, 17:30 e 19:00 h. As visitas correrán a cargo do investigador monfortino D. Felipe Aira, sendo estas gratuítas e cunha duración de hora e media.
A Xornada Europea da Cultura Xudía terá lugar simultaneamente en máis de 25 países de toda Europa.
Trátase dunha xornada de portas abertas con actividades para todos os gustos e idades: visitas guiadas a cascos antigos, museos, centros de interpretación, e sinagogas, conferencias, exposicións, concertos, obradoiros, etc. un amplo abano de manifestacións cun obxectivo común: achegar a herdanza cultural da tradición xudía en Europa a tódolos públicos.
A Xornada está organizada a nivel europeo pola AEPJ “Asociación Europea para la Preservación del Patrimonio Judío” co apoio do “Consejo de Europa e do Instituto Europeo de Itinerarios Culturales”. Cada país conta cunha coordinación propia, que no caso de España recae na “Red de Juderías de España – Caminos de Sefarad”.











