A Universidade Internacional Menéndez Pelayo de Gondomar abre as inscricións para o curso de verán
– A instancia formativa leva por título: “A explotación multifuncional do monte. Contribución ao desenvolvemento rural”.
– En colaboración co Instituto de Estudos Miñoranos (IEM) , a Universidade Internacional Menéndez Pelayo (UIMP) vai celebrar, por terceira vez no Val Miñor, un curso de verán os días 3, 4 e 5 de outubro.
– Participarán expertos de recoñecido prestixio sobre o tema, das tres universidades galegas.
– O curso está dirixido a comuneiros, propietarios, técnicos, profesionais, estudantes e público en xeral.

Carlos Meixome e Eladio Ferro
Por terceiro ano a Universidade Internacional Ménendez Pelayo (UIMP) en colaboración co Instituto de Estudos Miñoranos organiza un curso de verán en Gondomar. Nesta ocasión propómonos reflexionar sobre a sustentabilidade, a xestión e a multiplicidade de funcións dos nosos montes.
O curso ” A explotación multifuncional do monte” está dirixido a comuneiros, propietarios, técnicos, profesionais, estudantes ou público en xeral, ante este desafío que se lle presenta á sociedade actual e do futuro e achegará unha visión global das diversas facetas que integran a xestión do monte, a súa evolución histórica, as diversas posibilidades produtivas así como as actuais liñas de investigación na materia que serán impartidas por persoas especialistas como se pode comprobar na información adxunta.
O curso desenvolverase os días 3, 4 e 5 de outubro na Aula de Cultura Ponte de Rosas (Avda. da Feira 10, baixo, sede do Instituto de Estudos Miñoranos), en Gondomar.
Inscricións
Para inscribirse é necesario achegar un escrito ao correo electrónico oficina@minhor.org, indicando: Nome e apelidos, DNI, enderezo, código postal, teléfono e estudos ou profesión.
O custe da matrícula é de 61,50 euros para as persoas que o fagan a través do Instituto de Estudos Miñoranos (este prezo equivale a un 50% do valor real da matrícula do curso estipulada en 163 euros). Posteriormente achegarase, por e-mail, o número de conta onde deben facer efectiva a matrícula.
Para contacto: 986360575, de luns a venres de 18 a 22 horas ou no correo oficina@minhor.org
Bolsas
Tanto a Deputación de Pontevedra como a UIMP dispoñen dunha liña de bolsas para matrícula gratuíta ou redución da mesma. Estas axudas deben xestionarse ante estas institucións. Os prazos de solicitude das bolsas xa están abertos.
Créditos:
O curso está recoñecido cun crédito pola USC e a U. de Vigo e dous pola U. da Coruña. Tendo tamén recoñecemento en diversos procesos de selección.
Temario:
– O monte ao longo da historia: Evolución histórico-social, política e administrativa.
– O monte como fonte de recursos renovables: a produción de bioenerxía.
– Posibilidades productivas e sostibilidade: novos cultivos e explotacións.
– A produción de madeira de calidade unha asignatura pendente.
– Ordenación e xestión de montes como base do desenvolvemento rural.
– Liñas de investigación forestal actuais.











