A Torre da Homenaxe cambia de horario tras recibir 3.100 visitas no verán
A partir do martes día 1 de outubro a Torre da Homenaxe poderase visitar os sábados, domingos e festivos en horario matinal e vespertino.
O horario de visita será de 11:00 a 13:00 horas pola mañás e de 16:00 a 18:30 horas pola tarde. O prezo da entrada para acceder a este monumento é de 1,55 euros por persoa, realizándose descontos para grupos con máis de 20 integrantes.
O mes de outubro marca o inicio da temporada baixa en canto a afluencia de visitantes a Monforte, motivo polo que as visitas á Torre da Homenaxe deixan de realizarse durante os días laborables.
O Concello tamén ofrece a oportunidade de visitar a Torre fóra destes días e horarios, para o cal resulta necesario formar un grupo de máis de 10 persoas e solicitar cita para a visita chamando ó teléfono do Concello (982-40-25-01).
Nos meses de xullo, agosto e setembro, épocas de maior afluencia de turistas a Monforte, a Torre puido ser visitada de martes a domingo entre as 11:00 e as 14:00 h. polas mañás e de 17:00 a 20:00 h. polas tardes. Durante estes tres meses de verán pasaron pola Torre da Homenaxe 3.131 persoas. No mes de xullo visitaron este emblemático monumento 846 persoas, no mes de agosto fixérono 1.612, e no mes de setembro o número de visitas, sen contar as que poidan producirse na derradeira fin de semana, ascenderon a 673.
Lembramos que, ademais de coñecer o propio edificio histórico, na Torre da Homenaxe pódese ver unha exposición permanente que nos adentra no mundo medieval e nos achega á vida destes séculos.
A exposición fai un percorrido pola Idade Media, os seus costumes, estamentos sociais, procesos históricos e protagonistas, nun tempo no que Monforte de Lemos ocupou un papel de enorme relevancia na historia de Galicia.
Nos paneis nos que se explica a historia medieval de Monforte e Galicia, tamén poden verse reproducidos documentos de gran valor para Monforte, como o Privilexio del Rey Alfonso XI no que se lle concede Monforte a Don Pedro Fernández de Castro, ou o nomenamento dun alcalde no século XIV por Fernán Ruíz de Castro.
Dende a delegación de Turismo estímase que a visita á Torre da Homenaxe realízase nun tempo aproximado de entre 20 e 30 minutos, polo que se recomenda iniciar a mesma media hora antes do horario de peche.











