A senda peonil do Rial colle pulo coa exposición do proxecto que actuará nun tramo de medio quilómetro
O proxecto da rexeneración medioambiental da ensenada do Rial coa creación dunha senda peonil colle forza co cumprimento dun novo trámite administrativo previo a adxudicación dos traballos. A Dirección General de Sostenibilidad de la Costa y el Mar, dependente do Ministerio de Medio Ambiente, aprobou xa a memoria da actuación, documento que se exporá ao público tan pronto como saia publicado o anuncio xa remitido ao Boletín Oficial da Provincia.
A comunicación deste novo trámite supón unha grata noticia xa que pon de manifesto a pronta materialización que terá o proxecto promovido polo goberno local e que se xestionou a través do servizo Provincial de Costas. Ademais, o investimento xa está garantido posto que se financiará a través do contrato “Obras de conservación e reposición eno litoral da provincia de Pontevedra” que o organismo estatal xa adxudicou á empresa Matinsa.
Segundo a memoria elaborada por este departamento, a creación da senda peonil bordeando o esteiro do Rial executarase en dúas fases. A primeira é a que se exporá ao público nos vindeiros meses e prevé a habilitación dun paseo de 440 metros de lonxitude entre a praia de Sarteches e o vértice do esteiro, nas inmediacións da rotonda do Rial. A actuación está presupostada en 72.537 euros e ten un prazo de execución de 2 meses.
Na actualidade, o esteiro do Rial é unha zona inaccesíbel polo seu borde costeiro e presenta un estado de abandono co que se pretende rematar co desenvolvemento dun proxecto que permitirá rexenerar unha zona natural cun gran potencial paisaxístico para o goce público.
Aínda que se trata de terreos privados, a senda discorrerá integramente pola servidume de tránsito de afección de Costas, de aí as facilidades para obter o beneplácito dos titulares que non poder actuar sobre esa franxa e cos xa hai meses contactou o goberno local. A obra consistirá na creación dunha senda de xabre de 2 metros de ancho delineada con largueiros de madeira. A utilización destes materiais integra perfectamente a actuación no entorno natural no que se enmarca, e non suporá impacto algún na zona. Debido á escasa consistencia do terreo, realizarase un saneamento previo do mesmo e se rechearán con cachote de canteira os puntos onde sexa preciso.
O proxecto inclúe labores de desbroce de maleza, a demolición dunha pequena obra de formigón existente na zona, a instalación dunha lousa de formigón no tramo inicial do paseo para dar acceso a unha industria alí emprazada e a colocación de tubos de drenaxe das augas naturais.
Unha vez que o anuncio saia publicado no BOP, previsiblemente a vindeira semana, abrirase un prazo de exposición ao público de 20 días a efectos de que os interesados poidan consultar a memoria e presentar as alegacións ou suxestións que estimen oportunas. A memoria estará á disposición do público no Servizo de Proxectos e Obras da Xefatura Provincial de Costas en Pontevedra, e no Concello de Vilagarcía.
Un novo atractivo e un valor engadido para Vilaxoán
O alcalde, Tomás Fole, acolleu con satisfacción a noticia da publicación da memoria da senda por tratarse dun proxecto medioambiental moi interesante para Vilagarcía e moi demandado, especialmente polos veciños de Vilaxoán, que ansiaban recuperar esta fermosa zona que se estaba deteriorando e que aportará un novo atractivo e valor engadido á localidade vilaxoanesa. Fole salientou ademais que, ao tratarse dunha actuación branda, sinxela e cun prazo de execución de tan so dous meses, permitirá que o Rial conte xa cun aspecto renovado o vindeiro verán, esperando poder avanzar a tramitación da segunda fase de cara a finais do ano 2104.











