A Semana Europea de Mobilidade convoca un concurso de fotografía e vídeo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal
A-
A+

O Concello da Coruña, a través da Concellaría de Mobilidade, que dirixe Begoña Freire, informa de que, dentro da Semana Europea da Mobilidade, e baixo o lema Mobilidade na Coruña: unha cidade máis sostible e segura, convócase un concurso de fotografía e vídeo dixital. O obxectivo do certame é favorecer a creación de traballos orixinais que inspiren ideas para mellorar a mobilidade na cidade, facéndoa máis sostible e promovendo a seguridade peonil e dos demais usuarios da vía pública.

En formato de fotografía ou vídeo, os traballos poderán ilustrar calquera aspecto da mobilidade sostible na cidade da Coruña (tránsito peonil, uso da bicicleta como medio de desprazamento, transporte público, medios de transporte de emisións cero, etcétera). Tamén poderán promover o cumprimento das normas de tráfico tanto por parte dos peóns coma por parte do resto de usuarios das vías urbanas, ou os comportamentos cívicos e solidarios que contribúan á mobilidade dos colectivos con dificultades.

Pode participar calquera persoa maior de 16 anos. Haberá un premio para a categoría Fotografía e outro para a categoría Vídeo. En ambos os dous casos o galardoado levarase unha bicicleta urbana portátil. O formato das fotografías pode ser jpg, png ou tiff, cun límite de 3 MB. Admitiranse fotos en cor e en branco e negro. No caso do vídeo, os traballos poderán ter formato totalmente libre, por exemplo, de clip musical ou sketch. Terán unha duración máxima dun minuto e medio e unha capacidade máxima de 5 MB.

Os traballos deberán ser enviados á dirección de correo concursopmus2013@gmail.com, facilitando tamén os datos do participante (o nome da fotografía ou vídeo, o nome do autor, DNI, correo electrónico de contacto e teléfono). O prazo para a presentación de traballos finaliza o 20 de outubro de 2013.

18 de setembro de 2013 | 18:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.