A Semana Cultural de San Miguel de Canedo en Ourense contará con andainas, conferencias, xogos tradicionais e actividades infantís
A Concellería de Participación Cidadá colabora coa actividades que comezaron este domingo, día 1 de setembro, e haberá programación toda a semana, ata o sábado, día 7, na parroquia de San Miguel de Canedo, do Concello de Ourense. Dende a Asociación de Veciños e Veciñas organízanse unha serie de actividades ao longo de toda a semana que sirven coma punto de encontro para os veciños e veciñas e de celebración do final do ano, no que dende a Asociación e o Concello se levan a cabo cursos, conferencias e obradoiros.
O programa completo é o seguinte:
Hoxe, luns ás 19.00, impartirase unha charla coloquio sobre “Prevención de hurtos e estafas domésticas” e “Perigos no uso incontrolado de internet”. A charla será impartida por membros da Policía Nacional.
Martes, día 3 de setembro, celebrarase “O día do neno e a nena”. Ás 9.00h un autobús recollerá aos nenos e nenas e aos seus acompañantes para levalos ata a saída do tren das termas e facer un percorrido polas mesmas con parada en Outariz e volta ás 12.00h.
Xa pola tarde, celebrarase unha festa infantil, con xogos e actividades dirixidas aos máis cativos no Vieiro.
Mércores, día 4, Ás 19.00h dará comezo o campionato de xogos de mesa, cuxa final será ao día seguinte.
Xoves día 5, ás 19.00h impartirase a charla “Muller- Educación” no local da asociación de veciños e veciñas de San Miguel de Canedo.
Xa o venres, día 6, celebrarase o campionato de chave, a partir das 18.00h
O sábado, día 7, farase entrega dos trofeos aos gañadores do campionato de xogos de mesa e de chave, ás 19.00h no Vieiro e como broche final actuará a rondalla “Alecrín”.
Ao longo de toda a semana amosaranse, no local social, os traballos realizados polos participantes nos cursos e obradoiros impartidos na Asociación e nos que colabora, tanto a Concellería de Participación Cidadá, como a Concellería de Cultura.
A concelleira de Participación Cidadá, María Devesa, sinalou a importancia de apoiar dende o Concello ás asociacións veciñais para o desenvolvemento da súa actividade por ser “o xermen do tecido asociativo ourensán e o seu motor dinamizador”.











