A segunda edición do circuíto ‘Coruña Corre’ espera reunir 1.000 participantes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaDeportesLocalLocal Portada
A-
A+

O concelleiro de Deportes, Francisco Mourelo, presentou esta mañá a segunda edición do circuíto de carreiras populares Coruña Corre co que se pretende seguir apostando polo fomento do deporte e dos hábitos de vida saudables entre os coruñeses de todas as idades: “Tras o éxito da primeira edición, nesta nova tempada o noso obxectivo é seguir sumando participantes ao circuíto para superar a cifra de 1.000 inscritos”, sinalou o concelleiro.

Francisco Mourelo indicou que para poñer en marcha esta segunda edición, o Concello asinará un convenio de colaboración, de novo, que regula a participación tanto dos clubs de atletismo Coruña Comarca, Riazor Coruña e Marineda Atlético na parte técnica, como das asociacións de veciños Ventorrillo, Gaiteira Fátima, Novo Mesoiro, Loureiro de Visma; a de veciños e comerciantes de Monte Alto e a de empresarios Dos rosales para a dinamización das diferentes zonas.

“Co traballo en equipo de todos logramos que moitos veciños se sumasen a esta iniciativa na que a familia é unha das grandes protagonistas”, subliñou e recordou que a existencia dunha clasificación familiar é o factor que diferencia este circuíto doutros que se poidan celebrar noutras cidades: “O ano pasado inscribíronse un total de 50 familias, esperamos que este ano avós, pais e netos se sigan animando a participar xuntos. Aínda que a gran novidade é que esta tempada se poderán inscribir grupos mixtos de 3 ou 4 persoas coa condición de que polo menos un deles non participase na primeira edición. Como vedes o noso obxectivo segue sendo seguir enganchando máis veciños a unha vida sa na que o deporte sexa esencial”.

O circuíto inclúe a celebración de seis probas en seis barrios da cidade que se celebrarán entre o 20 de outubro e o 10 de agosto de 2014: “O obxectivo, ademais de potenciar e dinamizar a actividade deportiva, social e económica dos diferentes barrios, é dar a coñecer os cidadáns ámbitos para a práctica do running, unha modalidade que cada vez gaña máis adeptos,” sinalou Mourelo, quen informou das seis citas deportivas:

. II Carreira popular Os Rosales. 20 de outubro de 2013 (6.800 metros)
. III Carreira popular Novo Mesoiro. 3 de novembro de 2013 (7.075 metros)
. IV Carreira popular Torre de Hércules. 2 de febreiro de 2014 (6.940 metros)
. VII Baixada popular de cross San Pedro de Visma. 29 de xuño de 2014 (6.600 metros)
. II Carreira popular Ventorrillo. 13 de xullo de 2014 (4.760 metros)
. III Carreira popular Volta a Oza. 10 de agosto de 2014 (7.552 metros)

“Confiamos en que a consolidación deste circuíto, unido á celebración de importantes carreiras como a próxima Coruña 10, Coruña 21, Coruña 42 ou a recén incorporada Carreira da Muller, nos posicionen como unha cidade idónea para acoller este tipo de probas”, asegurou.

Mourelo animou os veciños a sumarse a este tipo de iniciativas que promoven a incorporación da práctica deportiva aos hábitos dos cidadáns: “Este circuíto é ideal para os que se queiran iniciar na práctica do running porque é moi alcanzable para os principiantes xa que os percorridos oscilan entre os 5 e 8 quilómetros”, asegurou e recordou que o obxectivo é superar as cifras da pasada edición na que 770 persoas se inscribiron no circuíto “se ben nalgunha carreira se superaron as 1.000 persoas xa que se permite a inscrición illada en cada unha delas”. Neste sentido informou de que a carreira da Torre de Hércules foi a que congregou un maior número de persoas, 1.109, mentres que a de Novo Mesoiro foi a que reuniu máis poboación xuvenil, con 282 menores.

O concelleiro finalizou recordando que o colofón á primeira edición se celebrará cunha gala final, o próximo venres, no centro Ágora a partir das 20.00 horas coa entrega de premios a todos os gañadores e gañadoras.

24 de setembro de 2013 | 18:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.