A Secretaría Xeral para o Deporte compromete o seu apoio ao Centro de Tecnificación de Pontevedra
O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, garantiu, hoxe, o compromiso da Xunta cos grupos de Alto Rendemento do Centro de Tecnificación de Pontevedra. Un centro que, segundo explicou, acaba de dar un paso máis no seu camiño cara á excelencia deportiva coa constitución de varios grupos de rendemento, entre os que destaca o de Natación, con vistas aos Xogos Olímpicos de Río 2016. Durante a presentación do Grupo de Alto Redemento de Natación, Lete Lasa destacou que disporá dun novo adestrador, así como da posibilidade de uso da piscina de 50 metros do Complexo Deportivo Rías do Sur, coa colaboración da Fundación Rías do Sur e o Club Natación Galaico Sercoysa de Pontevedra.
Ademais de contar co gran esforzo e apoio económico por parte da Secretaría Xeral. O secretario xeral para o Deporte subliñou tamén que a necesidade de apoiar aos deportistas unha vez finalizados os estudios no Centro, garantíndolles a posibilidade de continuar a súa formación académica e deportiva, fixo necesaria a creación, por primeira vez neste curso escolar, dunha residencia para maiores de dezaoito anos que acollerá a deportistas destes grupos de rendemento de nova creación.











