A rúa Rosalía de Castro será de sentido único de circulación en todo o seu trazado

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA LarachaLocal
A-
A+

O Concello da Laracha establecerá nos próximos días o sentido único de circulación dos vehículos na totalidade do trazado da rúa Rosalía de Castro, situada en pleno centro da capital municipal.

Actualmente son dous tramos os que presentan o dobre sentido e nos que se fixará o novo ordenamento. En concreto, trátase dos comprendidos entre a confluencia con Lino Gómez Canedo e Manuel Murguía (acceso á zona do IES Agra de Leborís, Casa da Cultura, biblioteca, e piscina) e o que vai de Lino Gómez Canedo á Avenida Doutor López Astray (entre a piscina e o edificio de servizos múltiples).

O goberno local tomou esta decisión en base a un informe realizado pola Policía Local da Laracha. Hoxe venres, tralo Pleno extraordinario, celebrouse una xunta de portavoces na que José Manuel López Varela, alcalde do Concello da Laracha, e José Ramón Martínez Barbeito, primeiro tenente alcalde, trataron esta cuestión cos representantes dos dous grupos da oposición: Juan Manuel Ramos (PSOE) e Xoán Manoel Sande (BNG).

A rúa Rosalía de Castro é eminentemente residencial e o espazo para a circulación de automóbiles é estreito. No caso do acceso ao IES Agra de Leborís,  ao dispoñer de áreas de aparcamento público a ambos lados da vía, dáse actualmente lugar a que poidan producirse certos problemas no tránsito de vehículos, principalmente dos autobuses do transporte escolar cara o centro de ensino.

Desde o Concello da Laracha, tendo en conta que existen cómodas alternativas de circulación desde esta rúa, priorizouse o mantemento das zonas de aparcamento para unha maior comodidade dos residentes.

A nova ordenación do tráfico na rúa Rosalía de Castro farase efectiva, instalando a correspondente sinalización horizontal e acometendo o pintado das marcas viarias, antes do inicio do curso escolar 2013-2014 no Instituto, programado para o luns día 16 de setembro.

6 de setembro de 2013 | 18:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.