A rotonda do Camiño Inglés dará a benvida aos peregrinos en Sigüeiro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalOroso
A-
A+
Inauguración da rotonda

Inauguración da rotonda

O Concello de Oroso vén de inauurar a rotonda do Camiño Inglés, situada xusto na entrada da ruta xacobea en Sigüeiro, na confluencia das rúas do Xuncal e de Pablo Iglesias. Os actos de inauguración estiveron presididos polo alcalde de Oroso, Manuel Mirás, e contaron coa presencia da presidenta da Cámara Municipal de Góis, María de Lurdes Castanheira, o presidente da Asemblea Municipal de Góis, José Antonio Pereira, o deputado provincial e alcalde do municipio veciño do Pino, Manuel Taboada, e o responsable do deseño e execución da rotonda, Antonio Senra, ademais de varios integrantes da corporación municipal e numerosos veciños.

Tras o descubrimento da placa inaugural, o alcalde de Oroso explicou as características da rotonda. Manuel Mirás describiu que consta de dúas partes diferenciadas e complementarias. Na zona que orientada a Sigüeiro, dispúxose unha fonte de aceiro corten decorada na súa pequena fervenza cunhas figuras en forma de troita. A outra parte, orientada ao noreste, inclúe varias árbores autóctonas e prantas propias dos montes da zona, como as uces. Pero destaca sobre todo por contar cun pequeno palleiro, evocando así a tradición agrícola do municipio.

Mirás afirmou que a rotnda “constitúe desde hoxe mesmo un icono do Camiño Inglés á vez que reflicte a realidade do noso concello, xa que queremos que cando os peregrinos entren en Sigüeiro teñan presente como se complementan en Oroso os ámbitos rural e urbano”, con elementos como a riqueza troiteira dun municipio con seis ríos, o seu desenvolvemento industrial e o seu respecto polas tradicións.

Pola súa parte, a presidenta da Cámara Municipal de Góis, felicitou ao Concello polo agradable que resulta a rotonda e mesmo suxeriu que lle gustaría crear unha igual na súa terra. O deputado provincial, Manuel Taboada, felicitou a Oroso “por esta obra tan ben enfocada ao Camiño Inglés” e resaltou que “estas pequenas cousas son as que fan grandes os Camiños”, á vez que animou ao Concello de Oroso a potenciar a ruta inglesa porque “por experiencia no Pino sabemos que xera riqueza”

A presencia das autoridades da localidade portuguesa, irmanada con Oroso, débese a que arestora se está inaugurando a XVII edición do Certame Internacional GoisOrosoArte 2013. A mostra, con 65 obras, sobre todo pictóricas, escultóricas e de orfebrería, estará aberta ata o 4 de outubro no Centro Cultural Fernando Casas e Novoa e Sigüeiro. Nela poden observarse unha selección de obras do certame GoisOrosoArte celebrado en xullo en Portugal, xunto cos traballos da delegación galega, encabezada pola ourive de Oroso Susi Gesto, artista convidada deste ano.

13 de setembro de 2013 | 21:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.