A representación empresarial en México organiza encontros para dar a coñecer os sectores ourensanos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalOurense
A-
A+

Tanto a Confederación Empresarial de Ourense coma o Polígono de San Cibrao enviaron representantes ao país azteca para entaboar contactos empresariais e sentar as bases dunha misión inversa que se realice na capital ourensana para finais de ano. Ambas as dúas entidades consideraron esta convocatoria como unha oportunidade excelente para poder manter contactos no marco da aposta constante que realizan pola promoción exterior das empresas ourensanas e a súa internacionalización.

Tanto a CEO coma o Polígono informaban a semana pasada aos seus asociados desta visita, para ofrecer a intermediación que, unha vez alí, puidesen realizar tanto a responsable do departamento de Promoción Exterior da Confederación, María Fernández, como a xerente da Asociación de Empresarios de San Cibrao, Yolanda López.

Como resultado deste chamamento, ao redor de 40 empresas de Ourense e provincia derivaron as súas necesidades e xestións ás representantes destas entidades, que acompañaron á delegación ourensana encabezada polo Concello. Empresas de sectores tan diversos como auxiliar de automoción, alimentación, construción, carrozado, TIC ou servizos solicitaron xestións comerciais para buscar provedores ou distribuidores, revisar contactos iniciados anteriormente, ofrecer servizos, ou simplemente darse a coñecer entre os representantes empresariais mexicanos a través de presentacións e información concreta. Tamén diversas asociacións sectoriais integradas na CEO delegaron a súa representación e achegado información para darse a coñecer entre os empresarios mexicanos.

Tanto María Fernández coma Yolanda López iniciaron onte as visitas e encontros empresariais, co apoio da rede Pexga México e o seu director José Ángel Santamarina. Entre as accións realizadas o xoves e as previstas para hoxe venres, está levar a cabo unha prospección de mercado para sectores como canle contract, materiais de construción e agroalimentario, co fin de avanzar nas xestións realizadas nos distintos grupos de exportación que se estableceron na sede da CEO nos últimos meses, no marco do proxecto europeo ECICII, e que xa contaban con contactos neste país americano. A continuación, realizarán visitas a importadores e distribuidores doutros sectores como alimentación, bebidas, pedra natural, materiais de construción, canle contract e automoción.

Aínda que a visita oficial se realiza á cidade de Tlalnepantla, parte das xestións empresariais desenvólvense tamén na sede da rede Pexga en México DF, situada a menos de 30 quilómetros de distancia. Actualmente, Tlalnepantla, que pertence á área metropolitana da capital mexicana e conta con case 700.000 habitantes, é un dos municipios máis industrializados e cunha grande actividade económica en servizos e comercios.

13 de setembro de 2013 | 17:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.